Martín Códax, líder da D.O. Rías Baixas, enfróntase aos aranceis de Trump con maiores vendas e mellor tesouraría

A compañía de base cooperativa con sede en Cambados, que ten en EE UU un dos seus grandes mercados de exportación, é máis sólida este ano, despois de ter multiplicado por cinco a súa tesouraría e mellorado tanto o seu patrimonio como as súas reservas

Bodega Martín Codax

Bodega Martín Códax

A onda proteccionista norteamericana que sacode os mercados internacionais golpea de cheo na D.O. Rías Baixas, cuxas adegas teñen alí a gran alavanca das súas exportacións xunto ao Reino Unido. Os aranceis de Trump, unha ameaza que comezou incluso antes de que o magnate chegase á Casa Branca, a finais de xaneiro, teñen ao albariño en constante sobresalto. O líder indiscutible da D.O. en canto a vendas, Martín Códax, afronta desde Cambados a guerra arancelaria con maiores ingresos e, sobre todo, despois de incrementar de maneira substancial as súas posicións de tesouraría.

Sen facer referencia explícita á crise arancelaria desencadeada por Trump, as contas de Martín Códax aprobadas polo seu consello o pasado mes de marzo, correspondentes ao peche de 2024 e ás que tivo acceso Economía Digital Galicia, deixan ben claro cómo se pertrechou a cooperativa para afrontar este novo escenario.

Posicións de liquidez

No balance de Adegas Martín Códax SAU, do lado do activo, sobressae o forte incremento da súa tesouraría nun ano, que prácticamente se multiplicou por cinco, situándose en 2,5 millóns de euros. Un ano antes, non pasaba de 440.000 euros. A tesouraría inclúe o diñeiro dispoñible en caixa e bancos, así como outros activos convertibles en efectivo, e permite coñecer a liquidez dunha compañía, a súa capacidade para facer fronte a obrigacións a curto prazo.

En un ano, Martín Códax, líder en vendas da D.O. Rías Baixas moi por diante de Terras Gauda, incrementou os seus activos en prácticamente cinco millóns de euros, ata os 68,5 millóns. Do lado do pasivo, o seu patrimonio e as súas reservas tamén se incrementaron, ata 25 millóns e 15,4 millóns de euros, respectivamente. A firma de base cooperativa é, en síntese, máis forte para navegar nun dos seus principais mercados exportadores, Estados Unidos.

Vendas ao alza, beneficio estable

A fortaleza na estrutura do balance de Martín Códax, cunha débeda relativamente contida, vén en gran medida dos resultados colleitados nos últimos anos, e dos beneficios xerados, que se manteñen. Así, a conta de resultados arroxa un substancial incremento das vendas en 2024, algo máis dun 7%, ata os 34,6 millóns de euros, fronte aos 32,3 millóns firmados un ano antes. Tanto o resultado de explotación como o neto prácticamente se mantiveron, situándose en 2,3 e 1,6 millóns de euros, respectivamente. A cooperativa destinou a reservas voluntarias un total de 1,4 millóns.

“O ano 2024 foi un período de importantes desafíos e oportunidades para Adegas Martín Códax”, din os xestores da cooperativa. “Nun contexto económico marcado pola inflación e a inestabilidade dos mercados, a empresa afrontou o exercicio implantando diversas estratexias para facer fronte ao aumento dos custos de produción e operativos, e apostando polo fortalecemento das nosas marcas e impulsando os produtos máis adaptados ao novo consumidor”, explican.

A pesar destes desafíos, “a reputación das nosas marcas e a capacidade de adaptación dos nosos produtos ás novas tendencias do mercado foron clave para manter a senda de crecemento na nosa cifra de negocios”, continúan, “ao tempo que se está desenvolvendo a estrutura necesaria para afrontar o plan de crecemento recollido no noso plan estratéxico”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta