Ana Pontón: «O PP está a converter a Galicia nunha nacionalidade histórica de segunda»
O BNG presentará antes de fin de ano unha proposta de status político para Galicia que recoñeza a plurinacionalidade do Estado e dote á comunidade de "mellores ferramentas" para xestionarse.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación presentará antes de que remate este ano unha proposta dun novo estatuto político para Galicia que recoñeza a plurinacionalidade do Estado e a condición de nación do país, para dotala de “ferramentas máis potentes” que lle permitan mellorar a vida da xente. Pontón anunciou no aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936, en Pontevedra, esta proposta que buscará un novo estatuto para Galicia que diga “si” a que os galegos poidan tomar aquelas decisións que lles afectan no seu día a día “sen interferencias centralistas”. “Que diga si a ter aquí, e non en Madrid, a chave dos nosos recursos económicos; e, en definitiva, que diga si a Galicia, igual que este pobo dixo si hai 90 anos a un novo marco político que abría a porta a que gobernáramos a nosa propia terra”, subliñou.
A líder nacionalista denunciou que o actual Estatuto “nin sequera se cumpre”, algo que atribuíu a unhas forzas estatais “centralistas que non confían no país”. Ademais, lembrou que, aínda que a Constitución considera Galicia, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, nas últimas décadas os vascos e cataláns ampliaron o seu autogoberno, mentres que os galegos se quedaron “atrás”. “O PP, coa súa subordinación a Madrid, está a converter Galicia nunha nacionalidade histórica de segunda“, criticou, advertindo de que, mentres nos últimos anos tanto Euskadi como Cataluña conseguiron 31 e 16 novas competencias, respectivamente, os gobernos de Feijóo e Rueda só incorporaron unha en 17 anos.
Da AP-9 ao Estatuto
Un feito que Pontón atribuíu a que o PP “nin cre no autogoberno nin quere novas competencias”, xa que prefire que Madrid “decida por e en contra” dos galegos. Así, citou como exemplo o debate sobre a AP-9, no que os populares votaron en contra. Neste contexto, a líder do BNG afirmou que será a súa formación a forza política que impulse unha axenda institucional e social para incrementar o peso político de Galicia e a súa capacidade de decisión.
Por unha banda, o BNG reclamará o cumprimento do actual Estatuto mediante a transferencia de máis de 50 competencias xa recollidas nel, pero que seguen sen aplicarse, así como daquelas que xa exercen outras comunidades autónomas ou cuxo traspaso conta co respaldo do Parlamento galego. En segundo lugar e debido a que “a asunción destas novas competencias non resolvería por si soa todos os problemas de Galicia”, o BNG porá sobre a mesa unha proposta de novo estatuto político para o territorio, antes de que remate o ano.
Castelao si, Reboiras non
Durante a xornada, a portavoz nacional tamén lembrou o 28 de xuño de 1936, día no que miles de galegos acudiron ás urnas para dicir ‘si’ a Galicia e ao autogoberno. “Un país esperanzado que foi arrasado polo fascismo español e que aniquilou á mellor xeración da historia”, lamentou.
Ana Pontón indicou que o proxecto daquela época mantívose vivo no exilio grazas ao liderado de Castelao, quen puxo en marcha iniciativas fundamentais como a celebración do Día dos Mártires Galegos para honrar a todas as vítimas do terror fascista. Para iso, escolleu o 17 de agosto co fin de simbolizar en Alexandre Bóveda a todos os galegos asasinados.
Pontón criticou a “hipocrisía do PP de Rueda”, que, ao seu xuízo, “aparenta homenaxear a Castelao e a Bóveda cando en realidade lles nega o recoñecemento que merecen”. De feito, referiuse ao ano pasado cando lle negou a Castelao a condición de primeiro presidente de Galicia e agora a Bóveda ao “votar en contra da oficialización do Día da Galicia Mártir”
Do mesmo xeito, reprochou ao PP as súas “mentiras e infamias” sobre Moncho Reboiras, asasinado en agosto de 1975 polo franquismo por loitar contra a ditadura e recoñecido oficialmente polo Estado en 2009 como vítima da represión franquista.