Dinahosting como exemplo

Proxectos de éxito como o de Dinahosting son froito da valentía dos seus impulsores máis que produto dunha política industrial de promoción de iniciativas

Galicia é un país de exemplos. Podemos mencionar intelectuais de talla mundial, poderosos homes de Estado, deportistas de nivel internacional, artistas de grande éxito no showbusiness. Tamén empresarios que crean riqueza acó e acolá. Temos exemplos, fáltanos masa crítica. Eis a evolución dos nosos números.

Tomemos a poboación activa, variable que reflite coma ningunha outra a actividade económica dun país ou territorio. En 2001 (datos INE), había en Galicia 1.159 mil traballadores activos; en España 18.051 mil. A finais de 2017, eran en Galicia 1.238 mil por 22.765 mil en España. Isto quere dicir que no que levamos de século, a poboación activa galega pasou de representar o 6,42% da española ao 5,44% actual. A economía galega perdeu un punto enteiro de peso sobre a española en apenas 17 anos!!

As cifras meten medo. Todo sinala a nosa progresiva miniaturización económica, xa que logo, tamén social e política. As estratexias de submisión do poder galego ao proxecto centralista español están a provocar a perda de pulso do noso tecido produtivo. A situación de devalo semella imparable. A esperanza concéntrase nos exemplos. No mes pasado, falamos de Estrella Galicia (velaquí o artigo); hoxe farémolo de Dinahosting.

O tecido produtivo Galicia perde pulso pola sumisión do poder galego ao proxecto centralista español

Dinahosting naceu precisamente co século. Foi constituida por un par de estudantes de formación profesional en Santiago de Compostela. Estes dous mozos albiscaron a oportunidade que representaba Internet e as tecnoloxías da comunicación en xeral e lanzáronse sen complexos a pelexar polo mercado do hosting. Sabían –ou quizais non, bendita inconsciencia!– que ían loitar contra todo tipo de dificultades (financeiras, tecnolóxicas, comerciais, de recursos e capacidades profesionais…) e que terían enfronte competidores de tódolos tamaños e orientacións estratéxicas. Haberían irse adaptando a un sector en construción e a unha contorna de esixencia máxima e cambio constante. Se alguén abrise unha aposta, poucos terían colocado a súa xogada sobre o número de Dinahosting.

Hoxe, a empresa galega é a principal compañía independente por número de dominios en España. Conta con 98 traballadores no seu cadro de persoal (o 90% galegos), factura arredor de 14 millóns de euros, supera os 130.000 clientes procedentes de 130 países de todo o mundo e segue a medrar malia que as dificultades non so continúan senón que, como a enerxía, non paran de transformarse. Por certo, Dinahosting non ten director xeral nin CEO; as súas decisións estratéxicas tómanse de xeito colexiado polos tres directores de área.

As decisións en Dinahosting tómanse por consenso entre os tres directores de área

Se houbese que escoller unha soa calidade para explicar a evolución de Dinahosting (o seu éxito incontestable!), eu sinalaría a coraxe dos promotores, iso o primeiro. E despois a súa visión ante un sector emerxente e a capacidade para interpretar as necesidades daqueles que haberían ser os seus clientes. Na estratexia da empresa subliñan atributos como a acertada segmentación do mercado, o proceso de escoita permanente ao cliente, o tratamento personalizado –nin robots nin gravacións–, os criterios de selección e motivación do persoal, o desenvolvemento propio en software libre ea alta cualificacióndo hardware e as redes de telecomunicacións.

Por suposto que se poden citar outros exemplos de empresas TIC galegas competitivas nos mercados globais xeradoras de actividade e traballo especializado; pero tampouco tantos. Velaí Igalia, no sector do software libre, Asubío Media no de xeración de contidos dixitais, ou Ipglobal en proxectos ecommerce. Exemplos hainos, dende logo, pero non abondan. Mais que produto dunha política industrial de promoción de iniciativas, obedecen ao acerto individual e, dalgún modo, ao heroísmo dos seus promotores.