Este país é unha ruína

Custa atopar cualificativos que describan a deriva económica de Galicia da man da Xunta do PP. Resulta asemade ben complicado encontrar variables ou estudos que subliñen algún dato favorable. As dúas últimas publicacións de carácter global colocan a economía galega entre as que amosan unha máis ruinosa evolución.

Hai un par de semanas, o Banco Mundial facía público o resultado do seu coñecido informe Doing business por primeira vez aplicado ás comunidades autónomas españolas. O estudo analiza os aspectos críticos para a creación de novos proxectos empresariais, en concreto a operatoria da Administración fronte ás novas empresas. Pois ben, Galicia ocupa o derradeiro posto do ranking español, unha posición aínda máis grave, se cabe, tendo en conta que España figura nas últimas posicións entre os países desenvolvidos.

E hai a penas uns días, Eurostat publicaba unha estatística que mostraba a Galicia no grupo de rexións europeas cunha maior destrución de emprego durante os anos da crise. A quen podería estrañar? Dende Abril 2009, mes no cal Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta, Galicia perdeu 77.684 empregos, o 8% do total dos seus afiliados á Seguridade Social (perda do 5% en España durante o mesmo período). Nese mes de 2009 Galicia contaba con 1.026.025 traballadores en activo polos 948.341 que presentaba en setembro 2015. Moito ollo que para encontrar un dato desa dimensión hai que irse ata xuño 2003 (947.740 traballadores) o que implica un retroceso de doce anos!

Estes números infames son consecuencia directa da falta de estratexia económica no goberno popular da Xunta de Galicia que con frecuencia denunciamos. Día a día xorden novos «botóns de mostra». Nunha acción máis da súa calculada política de propaganda nos medios –niso gasta o orzamento de dinamización económica o executivo de Feijóo–, aparecen nos xornais galegos e nas edicións galegas dos xornais españois, off e online, campañas de publicidade que cómpre analizar.

A primeira delas anima a «ruralizarse» sobre a base da biomasa que se patrocina como sector de futuro para Galicia. Na penúltima demostración da súa abracadabrante política de desenvolvemento rural, a Xunta pretende que as familias do campo galego instalen caldeiras nas que queimar leña dos eucaliptos con fins enerxéticos. Para animar a cousa, ofrecen unha subvención a fondo perdido. Así pois, lonxe de deseñar estratexias de utilización sustentable dos recursos, de protexer un medio autóctono con capacidade de xerar beneficios en múltiples eidos, de promover a diversificación e optimización dos cultivos, de crear ecosistemas económicos e sociais que artellen o rural galego, buscan o atallo simplista de continuar plantando eucaliptos, esa especie non so alóctona senón tamén hostil que prosigue a invasión acelerada e «triunfal» do territorio.

Unha campaña que leva meses activa amosa a imaxe dun mexillón e anima a «namorarse dun galego». A acción pretende responder a ameaza das especies asiáticas disque máis baratas. Pregúntome se alguén tería consumido algún mexillón galego máis por mor desa publicidade estéril. A cuestión de fondo é a baixa rendibilidade dos exemplares das nosas rías debido á escasa expansión en mercados exteriores. En Centroeuropa consúmese mexillón belga e francés de calidade notablemente inferior ao produto galego malia o cal págase a prezos moi superiores. Unha estratexia de internacionalización resulta complexa e non produce resultados electorais salientables; contratar publicidade nos medios sempre resulta máis proveitoso, deben de pensar os ideólogos do PP galego.

Políticas e resultados fronte a fronte. Seguimos avanzando decididamente cara á desertización produtiva.