A Fundación María José Jove e Russula renovan a súa alianza pola inclusión social.
Ambas entidades asinaron este novo convenio para "contribuír activamente á construción dunha sociedade máis inclusiva".
Colaboración entre a Fundación María José Jove e Russula / FMJJ
A Fundación María José Jove (FMJJ) e a empresa de enxeñaría global Russula renovan o seu compromiso pola inclusión social. Ambas as firmas asinaron este martes o novo convenio polo cal se certifica a continuidade desta ligazón para facer fronte a unha responsabilidade compartida por toda a sociedade e que require da implicación activa por parte de empresas e entidades.
O convenio, asinado por Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, e Eva Maneiro, CEO de Russula, permitirá fomentar a participación do persoal da empresa en diversas iniciativas inclusivas impulsadas pola Fundación.
“Como é o caso dos programas esfuerza, peques ou sendeirismo inclusivo, así como os obradoiros de ioga en familia ou os vinculados ao Centro de Arte FMJJ“, pon en valor a Fundación María José Jove.
“O camiño cara a unha inclusión plena pasa necesariamente pola implicación de toda a sociedade: persoas, entidades e empresas. Sumar esforzos con compañías que contan cun compromiso social tan sólido como Russula resulta clave, xa que non só involucra aos seus empregados, senón tamén ás súas familias, ampliando así o impacto social destas accións”, destacou Felipa Jove.
Por outra banda, Eva Maneiro defendeu que “colaborar coa Fundación María José Jove permítenos contribuír activamente á construción dunha sociedade máis inclusiva; ao mesmo tempo, ofrece ao noso equipo a oportunidade de implicarse de forma directa en iniciativas con impacto real, reforzando valores que forman parte da nosa maneira de entender a empresa e o noso papel na sociedade”.