O lecer nocturno galego prepara o seu gran día: prevé 11 millóns en vendas na Noitevella
O sector vaticina un repunte da facturación do 3% e destaca "a importancia estratéxica da campaña nadaleña"
Imaxe de arquivo da Sala Pelícano, a maior discoteca de Galicia.
O lecer nocturno de Galicia engalánase para a súa gran noite. O sector prevé facturar preto de 11 millóns de euros durante a Noitevella, o que supón un aumento do 2,7% respecto ao ano anterior, de acordo ao estudo realizado pola Federación Nacional de Empresarios de Ocio e Espectáculos, España de Noche e Coca-Cola, en colaboración da Asociación de Empresarios de Ocio, Galicia de Noite.
O informe subliña que o sector afronta a última noite do ano con perspectivas favorables e de crecemento económico, xa que o 72,7% dos establecementos esperan igualar ou mellorar os resultados de facturación do ano anterior. Esta evolución positiva sitúase claramente por riba da media estatal, onde a previsión da alza é do 0,4%.
A idade media do público sitúase nos 30,5 anos, cun predominio dos tramos de idade comprendidos entre os 20 e os 40 anos. En concreto, o 54,5% do público terá entre 20 e 30 anos; o 36,4% entre 30 e 40 anos e o 9,1% entre 40 e 50 anos. O 63,6 % dos locais contará con asistentes da propia cidade e o 54,5% con xente procedente da súa provincia. Tamén aumenta a diversificación da festa, pois o 18,2% abrirá pola tarde, o mesmo porcentaxe que programará espectáculos culturais ou propostas especiais para Noitevella.
En canto á música, a opción maioritaria será a programación habitual con DJ residentes, elixida polo 63,6% dos locais. Un 18,2% apostará por un repaso aos mellores temas musicais da historia de diferentes xéneros, mentres que outros establecementos ofrecerán sesións especiais baseadas en éxitos do ano.
Decembro achega unha sexta parte da facturación
O mes de decembro representa xa o 16,8% da facturación anual dos locais de lecer de Galicia, “o que confirma a importancia estratéxica da campaña nadaleña para o sector e a súa contribución á actividade económica e social das cidades galegas”, destaca Galicia de Noite nun comunicado.
Por outra banda, A Coruña será capital española da vida nocturna 2026 a partir do 1 de xaneiro, polo que toma o relevo de Toledo en 2025. Incluirá un programa de actos, co evento central da Segunda Conferencia Nacional do Ocio Nocturno e a gala de entrega dos premios Recicla a Noite, que terán lugar os días 19 e 20 de maio.