Os traballadores tumbaron o preacordo que freou a folga de autobuses na Coruña.
A CIG, que ao contrario de CCOO e UGT non apoiou o acordo, aboga por manter en suspenso a folga indefinida para continuar coa negociación ata o próximo luns.
Traballadores protestan en Santiago ante o atasco no convenio provincial do transporte de viaxeiros por estrada / CIG
Non gardedes as pancartas. Os traballadores do transporte de viaxeiros por estrada derrubaron o preacordo que alcanzaran CCOO e UGT coa patronal para renovar o convenio da provincia da Coruña. Nas votacións celebradas este mércores, o rexeitamento ao documento foi amplo. Recibiu 831 papeletas en contra e só 336 a favor, mentres que 20 votos foron en branco e 14 nulos. Os resultados nas distintas estacións onde se colocaron as urnas, un método pouco habitual nas votacións do sector, foron os seguintes:
A Coruña: 303 non, 124 si, 7 brancos e 3 nulos.
Santiago de Compostela: 298 non, 171 si, 7 brancos e 6 nulos.
Ferrol: 148 non, 33 si, 5 brancos e 5 nulos.
Carballo: 82 non, 8 si e un en branco.
A CIG, o sindicato que non respaldou o acordo sometido a votación, trasladou nun comunicado que aboga por manter a suspensión da folga indefinida, que estaba previsto iniciar se non se alcanzaba algún entendemento a pasada semana coa patronal. Sinala que solicitará unha reunión urxente da mediación para continuar negociando e asegura que traballará para recompoñer a unidade sindical co obxectivo de alcanzar o mellor convenio posible para o sector. “En atención a facilitar o diálogo, a CIG aboga por manter a suspensión da folga indefinida, dando como prazo ata o próximo luns para chegar a un acordo digno que peche definitivamente o conflito”, di o comunicado.
O representante de CIG-Transportes, Ernesto López, indicou, en declaracións a Europa Press, que estes resultados trasladaranse ao Consello Galego de Relacións Laborais de cara á mediación e para proseguir coas negociacións coa patronal co obxectivo de lograr un convenio “digno” que inclúa melloras laborais e salariais. O dirixente sindical plantexou de prazo, para lograr un acordo entre as partes, ata o luns e engadiu que, de non lograrse, entón retomaranse “as mobilizacións”, en referencia ao anuncio de folga indefinida, que se pospuxo polas reunións coa parte empresarial.
Por outra banda, desde UGT aludiron ao “rexeitamento rotundo” do persoal e aseguraron que respectan o mandato expresado coa intención agora de analizar os resultados para definir as actuacións que deben guiar a acción sindical. Todo iso coa intención de “defender as condicións laborais” de traballadores e traballadoras.