Pioneiras na sombra: as mulleres que fixeron empresa na Galicia dos séculos XVIII ao XX
Ata a década dos 90 o estudo de xénero dentro da historia económica estivo focalizado no mundo laboral. A partir dese momento, unha serie de investigacións de orixe británico e americano introduciron unha nova vertente que se inclinaba polo estudo do rol das mulleres como empresarias. O libro Entre o poder e a subsistencia. A empresa española en clave feminina, séculos XVIII-XX, coordinado polas doutoras da Universidade da Coruña Elvira Lindoso Tato e Tamara González López, pretende achegar o seu gran de area a este novo enfoque que dá visibilidade ao papel das mulleres desde o emprendemento.
A obra reúne varios estudos que mostran como ao longo de tres séculos, en moitos casos cun entorno social e legal pouco favorable, moitas mulleres atoparon na actividade empresarial unha vía de autonomía, supervivencia e, nalgúns casos de ascenso social. Tendas, casas de hóspedes, obradoiros ou, nalgúns casos, fábricas, da Galicia de entre os séculos XVIII e XX aparecen con nomes de muller ao fronte, a miúdo ocultos tras fórmulas como “viúva de”.
Aínda que algúns dos capítulos céntranse na comunidade —e permiten reconstruír un mapa do emprendemento feminino— o alcance do libro é moito máis amplo. A obra percorre distintos territorios de España e diferentes sectores produtivos para ofrecer unha visión de conxunto: a dunhas mulleres que, desde o século XVIII ata o XX, navegaron entre as limitacións da súa época e a necesidade de gañarse a vida.
“As autoras e autores dos capítulos que conforman este libro mergullaron nunha ampla diversidade de fontes primarias, rastrexando protocolos notariais, padroados municipais, censos de poboación, rexistros da propiedade e arquivos de empresas”, sinala no primeiro capítulo un libro. Segundo explicou Tamara González López a Economía Dixital Galicia, “normalmente para o traballo feminino tende a utilizarse censos e documentos fiscais”. “Despois hai outras fontes que son menos tradicionais. Tamén está a documentación notarial e a xudicial, onde a información relativa ás empresas e á xestión están inseridas dentro doutra documentación de distinta natureza. Buscar que documentación pode estar relacionada coas empresas é, en certo modo, máis complicado, aínda que se avanzou moito coa dixitalización de arquivos”.
Emprendemento galego entre os séculos XVIII e XIX
Un dos capítulos do libro, asinado pola doutora da Universidade de Santiago Ofelia Rey Castelao, céntrase nas emprendedoras da Galicia do século XVIII, maioritariamente rural, na que moitas mulleres participaron por conta propia na economía urbana e semiurbana, sobre todo no comercio, o pequeno artesanado, o subministro de alimentos ou actividades vinculadas á pesca. Algunhas, ademais, souberon detectar oportunidades e participar en circuitos de maior alcance, como o comercio de ultramar, obtendo dos seus negocios a súa principal fonte de ingresos.
Este capítulo recupera figuras como a de “Rosita a coruñesa”, prestamista de diñeiro a “mulleres da nobreza e a hidalguía local para que se pagasen os seus caprichos”, ou o da ferrolana Josefa Prego, que se viu inmersa nun “proceso criminal” cando o seu marido volveu dunha longa ausencia en Arxentina e a denunciou por non devolverlle as rendas do negocio e acusala de ter perdido miles de reais por mala administración.
Un dos obstáculos que se atopaban as mulleres casadas durante estes tres séculos eran as licenzas maritais. Segundo explica Tamara González “aínda que na práctica fose a muller quen exercese todas as labores, se estaba casada, era o marido quen figuraba na documentación legal ou quen debía darlle permiso para facer un ou outro trámite, salvo que estivese ausente ou que xa xerase esa licenza”.
“Co libro queriamos deixar constancia tamén do entorno ao que tiñan que facer fronte. Por iso queriamos facer referencia no título a esa idea de “subsistencia”. Algunhas desas mulleres chegaron a ter moitísimo éxito e, igual que no caso de moitos homes, o emprendemento e a creación de empresas viña por esa necesidade de obter ingresos”, sinala a doutora.
Tamara González López tamén asina un dos capítulos do libro, en concreto, o que analiza a presenza das mulleres galegas nun sector especialmente masculino: o da curtiduría. A autora utiliza como catalizador para facer unha radiografía do emprendemento no século XIX a historia de Mariana de Araido, que se fixo cargo dunha curtiduría en Chantada. De orixe francés, a muller chega á localidade lucense para poñerse ao fronte do negocio do seu irmán tras o seu falecemento.
A mala xestión que fixo o seu marido da súa herdanza familiar, as débedas, os pleitos ou as barreiras idiomáticas complicaban o seu labor, ata o punto de ter que vender as súas propiedades. “Mariana de Araido constitúe un exemplo, aínda que sen un final feliz, de que unha muller podía liderar un negocio nun sector masculinizado e conseguir que a súa familia subsistise del a pesar das adversidades do contexto social e familiar”.
Tecido empresarial coruñés de finais do XIX e principios do XX
O terceiro dos capítulos nos que se fai unha mención expresa a Galicia é o asinado pola doutora Elvira Lindoso Tato, que analiza a presenza feminina no tecido empresarial da Coruña entre finais do século XIX e principios do XX. A autora sitúa o seu estudo nun contexto no que a muller fora observada sobre todo como traballadora asalariada, pero raramente como axente empresarial. A través de fontes como a Matrícula Industrial e de Comercio e outra documentación fiscal, mercantil e notarial, o capítulo mostra que as mulleres participaron de forma activa na economía urbana coruñesa, especialmente en pequenos negocios comerciais e de servizos, aínda que o seu rastro documental apareza a miúdo difuminado.
Moitas destas empresarias eran viúvas ou cabezas de familia que atopaban no negocio propio unha vía de subsistencia e estabilidade económica. Solían concentrarse en sectores considerados “socialmente aceptables” para as mulleres, como o comercio minorista, a hostalería ou certos servizos, algo que non resta importancia ao seu papel na economía local. Lindoso Tato subliña que a aparente baixa presenza feminina nos rexistros responde en parte a sesgos documentais e legais, e que, ao ampliar a mirada, emerxe un colectivo máis numeroso e activo do que tradicionalmente se pensaba.
“A través dos testemuños consultados, as mulleres que se embarcaban en abrir unha empresa solían ser valentes, animosas, con carácter e con unha gran capacidade resolutiva. Con todo, na maioría dos casos, nin sequera se plantexaban que estivesen levando a cabo nada transgresor nin reivindicativo, simplemente dedicábanse a traballar”, explica o libro no último capítulo dedicado ás conclusións.
Tal e como sinalou a doutora Tamara González “tratábase de subsistir”. “Hai que ser valente, hai que ser resolutiva, pero é que tes que alimentar, porque ademais a maioría delas tiñan familia, se non eran fillos eran outros parentes aos que manter e axudar. Non é que se considerasen revolucionarias por ser empresarias, por crear, senón que o que necesitaban era poder alimentarse”.