Vegalsa-Eroski celebra a súa ‘V Xornada de Alimentación Saudable’ promovendo o consumo de produtos do mar.
No evento, celebrado no Palexco da Coruña, a compañía presentou os proxectos 'Capitán Mareas' e 'Creamos Saúde Tour' que desenvolve para promover hábitos de vida saudable e profundizar no papel esencial da alimentación na saúde.

Foto de familia de la ‘V Jornada de Alimentación Saludable’ organizada por Vegalsa-Eroski
Vegalsa Eroski congregou a máis dun centenar de persoas na V Xornada de Alimentación Saudable celebrada este martes no Palexco (A Coruña) na que, baixo o lema “Sabe que alimenta”, puxéronse en valor os beneficios do consumo dos produtos do mar e que serviu de escenario para dar a coñecer dúas iniciativas que a compañía ten en materia de hábitos de vida saudable.
O evento foi inaugurado pola delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén María do Campo, e o director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño, que destacou que na compañía están convencidos de que “promover unha alimentación saudable é moito máis que unha acción de responsabilidade social, é unha aposta polo benestar dos nosos clientes e o noso entorno”. “Por iso traballamos por achegar a diferentes xeracións os hábitos conscientes e o valor do produto local, concretamente os produtos do mar, que coidan da nosa saúde e conectan coas nosas raíces”, subliñou.
A xornada enmárcase no compromiso de Vegalsa-Eroski coa alimentación saudable, presente na súa estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e celébrase cada ano polo Día Mundial da Alimentación, que se conmemora o 16 de outubro.
‘Capitán Mareas’ e ‘Creamos Saúde Tour’, dúas iniciativas de Vegalsa-Eroski
A quinta edición das xornadas arrincou con dúas mesas redondas nas que se desgranaron os proxectos da compañía e nos que tamén colaboran diferentes entidades e institucións co obxectivo de divulgar sobre os hábitos de vida saudables e a alimentación.
En concreto, no diálogo sobre o programa ‘Capitán Mareas’ participaron Nerea Quintela, técnica de RSE en Vegalsa-Eroski; Manuel Suárez, xerente de OPP-82 ACERGA e secretario do Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) Golfo Ártabro Sur; Conchi Rey, docente do CEIP Sada e os seus Contornos; e Cándido Rial, Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. Durante a mesa profundizouse no alcance deste programa educativo co que se achegaron produtos do mar a máis de 250 escolares, aos que tamén se lles ensinou sobre alimentación saudable e a actividade pesqueira local desde as lonxas de Galicia e Asturias.
Pola súa banda, a segunda da mesa contou coa participación de Trinidad de Lorenzo, responsable de proxectos da Unidade de Innovación de Cruz Vermella Galicia, Irasema Dámaso, técnica de RSE en Vegalsa-Eroski, e Bea Sotelo, docente do CIFP Paseo das Pontes e xerente de cociña en Illas Gabeiras. Nela reflexionaron sobre o impacto da food truck ‘Creamos Saúde Tour’, proxecto da compañía que desenvolve xunto a Cruz Vermella e que chegou a miles de persoas maiores co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida mediante receitas saudables e a promoción dun envellecemento activo.
A V Xornada de Alimentación Saudable tamén incluíu as ponencias do Dr. Guillermo Aldama, especialista en Cardioloxía Intervencionista no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que falou sobre os mitos e certezas do consumo de peixe para unha compra saudable; e da especialista en nutrición pediátrica e en psiconutrición Lidia Folgar, que analizou as barreiras e estratexias de intervención no consumo destes produtos na infancia.
O evento clausurouse coa intervención de Gabriela González, directora de Sostenibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, quen incidiu na importancia das alianzas nos proxectos de RSE. Neste sentido, apuntou que “para conseguir cambios reais na nosa sociedade debemos traballar todos xuntos, desde as empresas ata a administración pública e, por suposto, as entidades sociais e o ámbito da educación”. “Entre todos seguiremos impulsando proxectos que fomenten os hábitos de vida saudable, apoiando á súa vez ao sector do mar e o consumo de peixe desde todas as perspectivas posibles”.