A aseguradora de Warren Buffett pagará 168.000 euros por unha condena ao Sergas por neglixencia.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixa unha indemnización de 167.963 euros para unha paciente que sufriu un ictus tras pasar sete días sen tratamento anticoagulante.
A Xunta fracasou no seu intento de evitar unha indemnización a unha paciente do Sergas que sufriu un ictus tras pasar oito días sen o tratamento anticoagulante que tiña prescrito. O Servizo Galego de Saúde recorreu a sentenza de primeira instancia, que o condenou a pagar 191.000 euros á usuaria afectada, pero só conseguiu que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reducise a cantidade. Os maxistrados interpretan que houbo un incumprimento do protocolo clínico aplicable e descartan a tese dos avogados da Xunta, que responsabilizaban á propia paciente e aos seus familiares de non renovar as receitas do tratamento que necesitaba.
En un fallo da Sala do Contencioso do pasado 26 de setembro, os maxistrados fixaron en 167.963 euros a compensación, ao entender que algúns dos danos cuantificados, como as secuelas psicofísicas ou o prexuízo estético, omitiran algúns aspectos previos, como que a paciente, de 83 anos cando sufriu o ictus, tiña unha prótese de cadeira da que podían proceder parte das dificultades de mobilidade (coxeira).
Esta estimación parcial, en todo caso, non impide que o TSXG vexa unha conexión causal entre a falta de administración do anticoagulante e o ictus sufrido pola paciente, confirmando que se produciu unha “neglixencia ou desatención do protocolo médico”.
O diñeiro da compensación non o porá o Sergas senón o seu seguro de responsabilidade civil, que estaba en mans da aseguradora do multimillonario Warren Buffett, Berkshire Hathaway European Insurance. O grupo do oráculo de Omaha quedou co contrato do seguro de responsabilidade civil do Sergas entre novembro de 2022 e outubro de 2024 por 9,4 millóns. A partir desa data, pasou a mans de Relyens e Everest, que fixo unha oferta lixeiramente máis barata que a de Berkshire Hathaway ao vencemento do contrato.
A paciente estivo representada por Eugenio Moure Avogados, un despacho especializado en dereito sanitario e con experiencia na reclamación de indemnizacións ao Sergas.
A renovación do tratamento
O caso desencadeouse tras unha intervención cirúrxica por unha fractura de fémur, segundo explica o fallo da Sala do Contencioso. Tras a operación pautóuselle tratamento anticoagulante con Clexane ao detectarlle unha fibrilación auricular; con todo, non se renovou a prescrición e estivo sen o tratamento durante oito días, desde o fin da pauta (aos 30 días da alta) ata que sufriu un ictus isquémico. Estes feitos provocaron a reclamación, que inicialmente ascendía a 500.000 euros, por hospitalización, prexuízo persoal, secuelas, e perda de calidade de vida, entre outros conceptos. Os tribunais rebaixárona ata eses case 168.000 euros.
Dos feitos probados da sentenza dedúcese que a non renovación do anticoagulante se debeu a unha descoordinación entre Atención Primaria e especializada, pois a médica de cabeceira prevía que se retomase a administración de Sintrom coincidindo cunha cita en hematoloxía que non se produciu. A condena ao Sergas, que aínda pode ser recorrida, coincidiu co período de cobertura de Berkshire Hathaway, que xa prestou este servizo en Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Extremadura, Aragón ou Navarra, entre outras comunidades.