Altri respóndelle á ministra Aagesen: non solicita “axudas de Estado”, senón fondos europeos
A pastera lusa insiste na solidez ambiental do seu proxecto ante las declaracións da vicepresidenta terceira, que asegura que “non vai contar con axudas por parte da Administración xeral do Estado”

José Soares de Pina, CEO de Altri / Linkedin
Altri, a pastera lusa que está a desenvolver o proxecto Gama nun complexo de produción celulósica e fibras téxtiles en Palas de Rei, responde á ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, que este mércores nunha visita a Vigo asegurou que a factoría “non vai contar con axudas por parte do Estado“. Fronte ás declaracións da tamén vicepresidenta terceira, os de José Soares de Pina enviaron un comunicado defendendo “a súa solidez ambiental e o seu encaixe normativo” así como “a súa dispoñibilidade ao diálogo coas institucións”.
O grupo luso manifestou claramente que para poder continuar adiante co seu proxecto é precisa a obtención de axudas públicas que, segundo os seus cálculos, deberían superar os 200 millóns de euros dado o alto orzamento do complexo. A compañía presentou o proxecto Gama ao Perte da Descarbonización, tramitado polo Ministerio de Industria. Optaba a 30 millóns de euros pero, finalmente, os técnicos do Estado deixaron á compañía fóra, un feito que, para Aagesen reafirma que non conseguirá fondos públicos. “Dende logo, é un sinal claro de que ese proxecto non vai contar con axudas por parte da Administración Xeral do Estado“, indicou. “Entendemos que temos que sempre abogar por proxectos que teñan garantías ambientais”, argumentou.
En busca de “novas vías de financiamento”
As declaracións provocaron a reacción da compañía, que emitiu un comunicado no que sostén que a súa exclusión do Perte da Descarbonización “está baseada nunha interpretación técnica que non reflicte adecuadamente a natureza do proxecto nin o seu alcance en materia de descarbonización”.
Así, Altri, e tamén a Xunta de Galicia, lembra que o proxecto Gama conta con Declaración de Impacto Ambiental Favorable, emitida pola Xunta de Galicia, “e segue avanzando na súa tramitación, para a obtención da Autorización Ambiental Integrada”, así como “en novas vías de financiamento público compatibles”.
Sen reunión coa ministra
A multinacional lusa responde tamén a Aagesen indicando que “non solicitou axudas do Estado, senón acceso a fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”, unhas axudas, en todo caso, que si son xestionadas polos Executivos comunitarios.
A compañía insiste en que o seu proxecto “representa unha oportunidade estratéxica para Galicia” e reitera “a súa plena dispoñibilidade para presentar o proxecto ao Goberno e á vicepresidenta Aagesen, con quen aínda non puido manter unha reunión”.