O ‘non’ rotundo do Goberno deixa a Altri a esperar unha mudanza en Moncloa para conseguir axudas públicas
Valoracións técnicas contrapostas e a procura dun cambio esperanzador

José Soares de Pina, CEO de Altri, con el proyecto para la fábrica de fibras textiles de Palas de Rei de fondo
O Goberno central e, en particular, a pata socialista do mesmo, endurece a súa posición contra o proxecto celulósico e de fibras téxtís que a pasteira lusa Altri pretende desenvolver en Palas de Rei (Lugo). Este mércores, nun acto en Vigo con Abel Caballero, a ministra para a Transición Ecolóxica e vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, foi taxativa ao indicar que a proposta “non vai contar con axudas por parte do Estado”. Estas declaracións fan que non sexan poucas as fontes empresariais consultadas por este medio que sosteñen que os portugueses terán practicamente imposible alcanzar o seu obxectivo de fondos públicos a non ser que, na actual conxuntura política, se produzan unhas eleccións anticipadas que, ademais, dean como resultado un cambio de inquilinos na Moncloa.
Mais alá dos necesarios permisos ambientais para poder poñer en marcha o complexo industrial de Palas de Rei, Altri sempre defendeu que a captación de axudas públicas era unha condición imprescindible para poder acometer o seu proxecto. Cun investimento inicial que cifran en máis de 1.000 millóns, as súas necesidades situáronse entre os 200 e 250 millóns de euros. Ata o momento, o único que transcendeu é que a multinacional se presentou a unha das liñas do Perte da Descarbonización, coa aspiración de conseguir 30 millóns, cantidade moi afastada das súas necesidades.
Altri non acadou axudas do Perte de Descarbonización e, de momento, nada se sabe da posibilidade solicitada en diferentes ocasións pola Xunta e o PP de que o Goberno explore unha fórmula semllante a que empregou con Arcelor, de xeito que o Proxecto Gamma teña acceso a axudas ad hoc. Este mércores, a compañía asegurou que está a traballar “no peche do modelo financeiro definitivo, que inclúe a identificación de novas fórmulas de financiación pública compatibles coas características do proxecto“. En todo caso, as verbas de Aagesen parecen elevar a confrontación do Goberno co proxecto, e o Executivo e quen se encarga da xestión dos fondos europeos.