Reganosa recorta ingresos e beneficios pola baixa retribución do gas a pesar de aumentar a súa actividade en Mugardos

O grupo incrementou tanto as descargas como a regasificación, aínda que os beneficios descenderon ata os 9,1 millóns en 2025, un 27% menos.

Roberto Tojeiro, presidente de Reganosa, en un montaje fotográfico con la terminal de GNL de Mugardos de fondo

Roberto Tojeiro, presidente de Reganosa, nunha montaxe fotográfica coa terminal de GNL de Mugardos de fondo

Reganosa pechou o seu último exercicio cun retroceso nos beneficios, que se situaron nos 9,1 millóns, un 27 % menos que os beneficios de 12,6 millóns de 2024. O grupo que controla Gadisa e ten como segundo accionista á Xunta reduciu tamén os seus ingresos a pesar de que a actividade na planta de Mugardos, así como a súa presenza internacional, foi maior que no ano anterior. A compañía, accionista tamén da terminal de El Musel en Asturias, alcanzou os 27.144 GWh en descarga de buques e os 24.965 GWh en regasificación, fronte aos 23.710 e 22.699 respectivamente do ano anterior. A división de servizos, aínda que non detalla os ingresos, estendeu a súa actividade a 18 países, fronte aos 15 do ano anterior, o que mostra tamén unha evolución positiva, xerando un beneficio de 3,2 millóns, fronte aos 3,1 millóns de 2024.

A pesares de todo iso, os ingresos, ao igual que os beneficios, foron á baixa. Situáronse nos 56,3 millóns, en comparación cos 60,8 millóns de 2024. O ebitda mantívose máis estable, con 21,5 millóns en 2025 e 22,1 millóns no exercicio precedente. Esta aparente contradición, segundo explican no grupo, non se debe a unha menor eficiencia senón ao propio modelo retributivo regulado do gas, que establece a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e que recorta transferencias segundo os activos avanzan no seu ciclo de vida.

A retribución do gas

No informe anual do grupo, o presidente de Reganosa, Roberto Tojeiro, refírese a este escenario nun momento no que Competencia acaba de sacar a audiencia pública o marco retributivo para o período 2027-2032. “No ámbito do gas natural, os actuais marcos retributivos plantexan retos para a sustentabilidade económica de instalacións que, paradoxalmente, seguen sendo consideradas imprescindibles para a seguridade de subministración e a integración de renovables. Afrontamos este escenario con realismo e responsabilidade, convencidos de que os próximos deseños reguladores deberán equilibrar a seguridade de subministración, a independencia enerxética e a sustentabilidade económica, social e ambiental do noso modelo enerxético”, di o tamén presidente de Gadisa.

Fontes da regasificadora galega explican que o modelo que finaliza este 2026 supuxo unha “infrarretribución” do sistema de 53,3 millóns entre 2021 e 2024. Será en 2027 cando comezará a aplicarse ese novo marco retributivo que “virá a garantir a competitividade das redes gasistas e das regasificadoras ou que, pola contra, podería comprometer a sustentabilidade de plantas como a de Mugardos e, polo tanto, a seguridade do subministración enerxética”. “Unha instalación que é vital non só para o porto de Ferrol -supón o primeiro dos seus tráficos-, senón para o conxunto de Galicia, ao posibilitar a descarbonización da súa economía como respaldo das renovables e apuntalar a competitividade da industria”, recalcan na compañía.

Máis fondos propios e sen débeda

A rendibilidade sobre capital investido (ROE) situouse no 4,3 %, dous puntos porcentuais menos que un ano antes; e no 5,2 % sobre activos (ROA), 1,3 puntos menos. Reganosa tiña uns fondos propios de 220 millóns ao peche de exercicio e uns activos valorados en 175,6 millóns, un balance sólido se se ten en conta que carece de débeda financeira. As inversións do exercicio ascenderon a 9,3 millóns, algo inferiores ás de 2024 pero máis do triplo que en 2023. O grupo dá emprego a 185 persoas.

Na compañía, que acaba de adquirir as tres centrais hidroeléctricas de Saltos del Cinca en Aragón, explican que a incerteza respecto ao modelo retributivo “convive coas boas novas que o Grupo Reganosa está a colleitar no resto dos seus ámbitos de actuación”, como “que a división de servizos fora elixida por Squadron Energy –a empresa líder en enerxías renovables de Australia– para realizar a operación e mantemento da parte terrestre da terminal enerxética de Port Kembla, no estado australiano de Nova Gales do Sur”. Lembran, ademais, que está a promover proxectos de almacenamento enerxético, renovables, economía circular, hidróxeno verde, eficiencia enerxética e dixitalización, entre eles, a central de hidróxeno de As Pontes.

A nova retribución

Reganosa forma parte de Sedigas, a asociación que desde hai 50 anos integra ás empresas do sector gasista español. Esta organización fixo un pronunciamento oficial sobre a proposta de retribución para o próximo sexenio de Competencia. Sinala a entidade que valora a decisión da CNMC de preservar a arquitectura básica do modelo, o que “achega estabilidade e previsibilidade regulatoria, ao tempo que introduce sinais económicas orientadas á modernización do sistema”. Tamén destaca que “as propostas avanzan cara a un enfoque que recoñece ás infraestruturas gasistas como activos estratéxicos do sistema enerxético, esenciais para garantir a seguridade de subministración, a competitividade da economía e o avance ordenado cara á descarbonización”.

Con todo, ve necesario introducir “importantes axustes” que garantan un marco retributivo suficiente e razoable para o conxunto das actividades reguladas. “Aprecia que o recoñecemento de determinadas variables económicas relevantes, como a evolución dos custos por efectos da inflación no segundo período regulatorio, non se produce de xeito completo para o conxunto das actividades reguladas, o que aconsella unha revisión desde a perspectiva da consistencia e o equilibrio do modelo retributivo”, di a patronal, que recalca que “a reconfiguración do esquema de incentivos debe garantir unha transición ordenada e sen impactos asimétricos entre operadores con realidades comparables”.

Comenta el artículo
Avatar
Sigue al autor

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp