Actualizado
Cortizo gaña a demanda contra Renault Trucks por venderlle 12 camións formando cártel.
O Supremo rexeita o recurso da compañía controlada por Volvo e confirma a indemnización para o produtor galego de aluminio, que recibirá unha compensación media do 16% do que pagou polos vehículos e os xuros de demora.
Planta de reciclaxe de aluminio de Cortizo en Coirós / Cortizo
Cortizo, o rei galego do aluminio, sae vitorioso da súa ofensiva contra o cártel de camións. Recibirá unha compensación media do 16,4% do que pagou polos 12 vehículos que comprou a Renault Trucks, actualmente en mans do grupo sueco Volvo, máis os xuros de demora. O Tribunal Supremo desestimou o recurso extraordinario por infracción procesal e o recurso de casación presentado polo fabricante contra a sentenza previa da Audiencia Provincial da Coruña, que asumiu o peritaxe presentado pola empresa galega e duplicou as indemnizacións que lle concedera inicialmente o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña. Naquel momento, Renault Trucks debía abonar a Cortizo un 5% o custo dos 12 camións, pero cando o caso chegou á Audiencia Provincial elevouse ata unha medida do 16,4%.
E así vai quedar, pois o Supremo, nunha sentenza da Sala do Civil do pasado 18 de decembro, desestimou os argumentos do grupo automobilístico na última bala que lle quedaba para derrubar as indemnizacións ou, cando menos, rebaixar a contía. En realidade, non deixa de ser calderilla para Volvo, algo máis de 100.000 euros e os xuros nun grupo que gañou máis de 1.300 millóns en 2024. O problema radica nas sancións e demandas acumuladas a nivel europeo pola súa participación no cártel, do que tamén formaron parte MAN, Iveco, Scania, Daimler e DAF. Tamén é calderilla para a compañía fundada por José Manuel Cortizo Soñora, que gañou 155 millóns en 2024 e rozou os 900 millóns de ingresos.
A arbitrariedade
O caso, iso si, reverbera noutros que tamén están en marcha e que acumulan centos de demandas, como o do cártel de coches ou o cártel lácteo, no que os gandeiros están reclamando indemnizacións á industria polos teóricos menores prezos que recibiron pola leite en orixe. Ese é o meollo da cuestión na concertación de prezos, pois dáse por feito que as prácticas colusorias adulteraron o mercado e xeraron un prexuízo ao consumidor, pero non hai unha fórmula exacta para calculalo.
De feito, Renault Trucks queixábase ante os maxistrados do Supremo de que a Audiencia Provincial reduciu a cantidade reclamada por Cortizo nun 33% “sen basearse en razóns técnicas ou empíricas, estimando arbitrariamente o dano”. Con todo, o Alto Tribunal conclúe que non existiu arbitrariedade algunha, senón a simple consideración de que o informe presentado pola empresa galega “formula unha hipótese razoable, considerando a súa valoración do sobreprezo acertada e minorándoa nun terzo en atención ás súas debilidades”. “Pódese non estar de acordo co resolto e as razóns que levaron ao tribunal a facelo, pero se a recorrente considera que a sentenza da Audiencia Provincial aborda incorrectamente unha determinada cuestión, procesal ou substantiva, haberá de formular o correspondente motivo do recurso extraordinario por infracción procesal ou do recurso de casación que denuncie a infracción da norma reguladora de tal cuestión, pero non alegar a arbitrariedade”, argumentou a Sala.
A filial de Volvo tamén alegou que a Audiencia se fundamentou nunha presunción de dano, sen deixar que probase a inexistencia do mesmo; que iso levou a rexeitar o informe pericial presentado por Renault Trucks polo mero feito de que non detectaba prexuízo algún para o cliente; ou que existe unha desconexión entre o teórico dano causado e a conduta sancionada. Cada un dos argumentos foi rexeitado polo Supremo.
As indemnizacións de Cortizo
MAN, Iveco, Volvo-Renault, Daimler e DAF foron sancionados pola Comisión Europea en xullo de 2016 con 2.930 millóns, no que se coñeceu como o cártel de camións. Un ano despois sumaríase á lista Scania, tamén sancionada por participar na concertación de prezos. As prácticas colusorias, segundo a resolución, estendéronse durante 14 anos, entre 1997 e 2011, e os seus integrantes tiñan unha cota de mercado do 90%, é dicir, ensamblaban nove de cada dez camións de peso medio e pesado, en palabras da entón comisaria de Competencia, Margrethe Vestager.
Cortizo adquiriu os 12 camións entre o ano 2000 e o 2010, oito mediante unha compra directa e outros catro mediante leasing financeiro. Nese período echa a andar a alianza entre Renault e Volvo para conformar a segunda maior compañía do sector, por detrás de Mercedes-Benz. A operación instrumentalizouse mediante a cesión por parte da compañía francesa da súa división de vehículos pesados (Renault Trucks) a Volvo, a cambio dunha participación do 15% da matriz do fabricante sueco. Naquel momento, Renault tiña a intención de destinar outros 500 millóns a alcanzar o 20% de Volvo, aínda que a súa andaina no capital non duraría moito, pois en 2012 desprendeu das súas últimas accións no grupo nórdico.