Cortizo inaugura nova planta en Coirós: producirá 100.000 toneladas ao ano de aluminio reciclado
A empresa investiu 38 millóns de euros nun proxecto estratéxico para a súa circularidade.
Cortizo investiu 38 millóns de euros na súa nova planta para reciclaxe de aluminio en Coirós (A Coruña). Foto: Aluminio Cortizo
O grupo Cortizo avanza na súa estratexia de circularidade. Faino cunha nova planta, inaugurada este mércores en Coirós. Unhas novas instalacións de 29.000 metros cadrados que servirán para producir ata 100.000 toneladas anuais de tocho reciclado a partir de chatarra. O investimento alcanzou os 38 millóns de euros.
A firma galega celebrou a posta de longo do proxecto nun acto oficial que estivo encabezado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; acompañado da Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e do alcalde de Coirós, Francisco Quintela.
A directora xeral da compañía padronesa, Raquel Cortizo, desgranou os detalles do novo complexo, que conta con “a tecnoloxía máis avanzada do sector” co obxectivo de producir “ata 100.000 toneladas ao ano de tocho reciclado posconsumo”. A executiva quixo resaltar así mesmo a traxectoria de Cortizo como empresa recicladora de aluminio. “Este centro de Coirós non responde a unha moda, senón que é un paso máis nun proceso que levamos realizando desde hai máis tres décadas. Cando apenas se falaba de economía circular, nós xa puxemos en marcha unha fundición en Padrón, converténdonos na primeira empresa en España que pechaba o ciclo produtivo do aluminio a completo, recuperando os sobrantes da produción para convertelos en materia prima”, explicou.

Raquel Cortizo tamén puxo en valor o compromiso da compañía con Galicia, onde só nos últimos cinco anos investiron “228 millóns de euros” para impulsar proxectos que os sitúan “á vangarda do sector”, entre os que destacan o Campus Tecnolóxico e a ampliación das súas fábricas de aluminio e PVC en Padrón, ademais deste novo centro de Coirós.
Instalacións
As novas instalacións de Cortizo en Coirós contan cunha superficie de 29.000 m2 e levántanse sobre unha parcela de 110.000 m2 no polígono industrial do municipio coruñés, ao pé da A-6. Alí, poderanse producir ata 100.000 toneladas anuais de tocho reciclado postconsumo, é dicir, materia prima para a extrusión de perfís obtida a través do reciclaxe de calquera produto de aluminio que é recuperado unha vez finalizada a súa vida útil; entre eles, xanelas, portas, fachadas e barandillas que son retiradas das edificacións e que se reincorporan ao ciclo produtivo apostando pola circularidade.
En unha primeira fase, Cortizo leva a cabo a trituración e clasificación da chatarra recibida, separando todos os elementos ata quedarse co aluminio, o cal pasará aos fornos na segunda parte do proceso para ser fundido e recuperar de novo o seu estado sólido en forma de tocho. O tocho elaborado en Coirós, denominado Infinity, é un gran lingote de forma cilíndrica de 7 metros de lonxitude, con diámetros que van desde os 153 mm aos 305 mm, que se utiliza como materia prima para a extrusión de perfís. Ademais, conta cunha das pegadas de carbono máis baixas do mercado e a súa produción permite reducir un 86% as emisións de CO2, ao que hai que engadir un aforro enerxético do 95%; datos comparados cos que arroxa a obtención de tocho primario e tomando como referencia a media dos ofrecidos pola Asociación Europea do Aluminio.
A planta de Cortizo en Coirós arranca a súa actividade con 20 empregos directos, con previsión de duplicar o seu persoal cando alcance o seu máximo de produción.