De José Oreiro, o rei dos hoteis de Copacabana, aos Vázquez Raña: así buscou a fortuna a diáspora galega

Como ocorreu co fundador de Zara ata a súa saída a bolsa, durante décadas tampouco houbo imaxes do galego propietario do imperio hoteleiro Windsor, en Brasil. Contao Arturo Lezcano no seu libro recentemente editado 'O país invisible'.

Olegario Vázquez Raña, hijo de emigrantes de Avión que levantó un imperio en México, fallecido este año, y José Oreiro, empresario natural de Negreira y principal accionista de la cadena de hoteles Windsor, en Brasil.

Olegario Vázquez Raña, hijo de emigrantes de Avión que levantó un imperio en México, fallecido este año, y José Oreiro, empresario natural de Negreira y principal accionista de la cadena de hoteles Windsor, en Brasil. Fotos de archivo: durante la recepción de sendos premios por parte de la Deputación de Ourense y del Ayuntamiento de Río de Janeiro

Os cálculos din que entre 1850 e 1960 uns dous millóns de galegos emigraron a América. Deles, só retornaron un terzo. A primeira onda migratoria chegou a Cuba, Arxentina, Uruguai e Brasil. A segunda abriu o terreo de xogo a Venezuela, México e Panamá. Contan tamén os estudos, o máis citado o de Antonio Eiras Roel, que en taxas de emigración relativa, Galicia só está superada por Irlanda e atópase por diante de Italia. Con estes fíos, o xornalista Arturo Lezcano (Ferrol, 1976) ensarilla a historia e a memoria da particular epopea da diáspora galega a través do Atlántico en O País Invisible, editado en Libros do KO tanto en versión galega como en castelán. As súas páxinas radiografían o particular ADN dos moradores da Galicia exterior. Tamén no campo dos negocios. “Foron sempre zahorís á hora de descubrir onde están as boas inversións”, conta o autor, nunha charla con Economía Dixital Galicia. Nas follas do seu libro, que parte dunha investigación en terreo que durou máis de media vida, emerxen os outros Amancio Ortega que marcharon. Empresarios descoñecidos, sen foto, pero que levantaron imperios. Como José Oreiro que, de Negreira a Copacabana, foi construíndo un dos maiores imperios hoteleiros de Brasil, o grupo Windsor.

“Este libro é unha destilación de moitas historias, de moitos anos de obsesións e de traballo de campo en América, onde me tocou traballar case 12 anos como corresponsal freelance. Ao facelo fundamentalmente para medios galegos fun atopando con un montón de historias que me interesaron e que fun gardando en carpetas. Unha vez que volvín de todos aqueles anos sentín a necesidade de tentar enfiar”, explica, tras sacar á luz un libro que tardou en escribir case catro anos.

A cultura do aforro

Lezcano defende con coñecemento empírico que existen uns patróns transversais en todas as diásporas, como a cultura do traballo, que en certa medida vén xa instalada na mochila de calquera que teña que abandonar o seu fogar para conseguir sustento. Pero, na diáspora galega existe unha peculiaridade que, á vez, foi o xerme de moitas fortunas, algunhas coñecidas e a maioría anónimas. “O traballo presupónse, seguramente, en toda aquela persoa que emigra e trata de saír adiante en terras afastadas, pero o distintivo no noso caso creo que é a cultura do aforro, que é algo que vivimos todos tamén en Galicia”, reflexiona. “É un eixe vertebrador da nosa sociedade”, engade.

O xornalista Arturo Lezcano, á esquerda, na presentación do libro ‘O País Invisible’ na Coruña, xunto co tamén xornalista Nacho Carretero. Foto: Suso Arjomil

“Dá igual en Cuba, en Arxentina ou en Venezuela, é fundamental. Os emigrantes galegos preponderaban o aforro ao que chamaríamos calidade de vida nestes momentos”. O aforro, a reinversión e a diversificación… “Se poñemos nun pastel todo o diñeiro que van acumulando, a metade non é aforro directo, senón que é reinversión dos seus propios negocios. É outra das características: chegaban sen nada e poñíanse a traballar en negocios de familiares xa asentados que os semiesclavizaban e cando se emancipaban montaban os seus propios negocios familiares. Apostaban pola táctica da diversificación, de montar sociedades atomizadas entre varios galegos e poñer moitos ovos en diferentes cestas”, conta.

Os galegos das ondas migratorias a América do século XX acumularon ese espectacular aforro, parte do cal enviaban á comunidade, cunha fórmula inicial baseada nunha minimización dos gastos. “Chegaban a grandes cidades que estaban en construción ou en expansión e necesitaban pouco diñeiro. Explícome, se tiñan almacéns, ultramarinos ou adegas, como lle queiras chamar dependendo do país, xa se garantían que tiñan a comida e un lugar para durmir, xa que ao principio facíano dentro dos seus propios negocios”, di Lezcano.

Vázquez Raña, a historia de éxito máis coñecida

Se eran propietarios, porque se eran asalariados, os galegos do exterior solían recalar nas grandes vivendas colectivas dos países americanos. Os conventillos de Bos Aires, as vecindades de México e os solares de Cuba. “Grandes mazás con pequenos habitáculos que alugan a familias e que, ademais, adoitan ser de galegos. Todo queda na casa”.

E con este método, houbo quen acabou por levantar imperios. O caso máis coñecido o dos irmáns Vázquez Raña, Mario e Olegario, galegos de segunda xeración que levantaron sendos imperios a partir das moblerías en México dos seus pais, oriundos do concello ourensano de Avión, ese que durante anos acolleu as partidas de dominó das grandes fortunas patrias e de fóra, de Amancio a Carlos Slim, pero que segundo os recentes datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) é o concello con menor renda neta de Galicia, con 9.365 euros.

Dos dous irmáns, Don Olegario foi o último en falecer. Foi o pasado marzo, en México e aos 89 anos. Abandonou este mundo con un legado millonario conformado por 27 hoteis, 32 hospitais, unha entidade financeira, unha farmacéutica, canles de televisión, prensa e radio, unha construtora e, ademais, un sucesor moi ben relacionado co poder: Olegario Vázquez Aldir.

Pero tamén gran fortuna foi a que amasou desde a absoluta discreción José Oreiro, que naceu en 1940 na aldea de Pesadoira, parroquia de Alvite, concello de Negreira, e que acabou cun imperio hoteleiro en Brasil.

Oreiro, o epítome dos galegos de Río

“José Oreiro é o misterio porque ata hai ben pouco quizais só había unha foto del, que ademais víase mal, dunha vez que foi a Negreira. Non había imaxes, por iso me recordaba un pouco a Amancio Ortega, na etapa prebolsa de Inditex. Agora xa non é tan descoñecido, hai un vídeo en Youtube dun premio que lle entregaron no Concello de Río pero, en calquera caso, é un tipo absolutamente na sombra. É o epítome dos galegos en Río de Xaneiro e de como tomaron por asalto os negocios do neón”, relata o autor de O País Invisible.

“Oreiro comezou fregando vasos, logo foi camareiro, comprou un bar, logo máis bares, night clubs, discotecas… e foi un dos primeiros que deu o salto aos hoteis. Os galegos non tiñan moitos hoteis porque Copacabana, aínda que se poida pensar o contrario, non era un sitio turístico ata os anos 70 practicamente. Pero el decide apostar polos hoteis, que tamén teñen un problema de rendibilidade en Brasil, dependendo da moeda e da época. Pero logrouno, abriu o primeiro Windsor e aí comezou unha cadea ata ter miles de camas”, conta.

Pese ao seu baixísimo perfil, foi un dos empresarios que viaxou ata Dinamarca con Lula da Silva para ser testemuña da proclamación de Río como sede olímpica en 2016. Alí ampliou aínda máis a súa descoñecida fortuna. As súas boas relacións co Comité Olímpico de Brasil e coa Confederación Brasileira de Fútbol deronlle prioridade á hora de aloxar a dirixentes e deportistas tanto do Mundial de fútbol como dos Xogos.

A cadea de hoteis Windsor cumprirá 40 anos en 2026. Na súa web hai unha discreta reseña da súa historia. “Un grupo de emprendedores doutros sectores como a gastronomía uníuse para comprar un hotel con gran potencial de crecemento. Estaban liderados por José Oreiro, un español que chegou a Brasil aos 18 anos para traballar en restaurantes. Convenceu aos seus socios de que o antigo edificio no centro de Río de Xaneiro, na esquina da Avenida Rio Branco e a Avenida Presidente Vargas, unha das zonas máis concorridas da cidade, ofrecía as condicións ideais para aloxar a executivos en viaxes de negocios”, relata.

En decembro de 1986 (casualidades, un ano despois do nacemento da primeira tenda de Zara, a moitos miles de quilómetros, na coruñesa rúa Juan Flórez), inaugurouse o Windsor Guanabara, o primeiro hotel do grupo, xusto ao lado da igrexa de Nosa Señora da Candelaria.

Na actualidade, o grupo suma 16 hoteis, 14 deles en Río de Xaneiro. O veterano empresario, que hoxe en día xa delegou a xestión do imperio á súa filla Mónica, tivo compras e vendas de relumbrón, determinadas pola débeda do conglomerado. En 2009 gañou a poxa polo antigo Meridiam, un imponente rañaceos negro na praia de Copacabana. Din as crónicas da época que pagou 70 millóns e investiu outros 20 en reformalo.

Con 545 habitacións, Oreiro vendéuno en 2017. E comproullo o xigante Blackstone que, á súa vez, lle deu a explotación ao imperio Hilton. O importe da operación non trascendeu.

O “sexto sentido inmobiliario”

Conta no seu libro Lezcano que, dunha forma descoñecida, alí onde foron, os galegos sempre foron os zahorís do ladrillo. “Teñen un sexto sentido inmobiliario que fai que en moitas cidades americanas se teñan ubicado sempre en lugares centrais ou se adiantaran, localizándose en sitios que non o eran ao principio e que logo alugaron, o que sempre lles deu moita rendibilidade”, di. O caso máis extremo que relata, o da Casa Galicia en Nova York, que suma cinco localizacións distintas ao longo da súa historia ata acabar en Astoria, no cinematográfico barrio de Queens.

Polo camiño, a entidade foi sumando activos inmobiliarios que disfrutou e, logo, alugou tras mudarse a outra ubicación. Nesa particular peregrinación apostaron, polo camiño, polo edificio do Webster Hall, en Manhattan.

Casa Galicia abandonou esa privilexiada ubicación hai un tempo, para pasar a Queens, pero en 2017, indícase en O País Invisible, “unha gran promotora asinou unha concesión do Webster Hall por corenta anos, a razón de dous millóns anuais para os emigrantes,” donos á súa vez da sede de Queens, afastada da presión urbanística e os ruídos de Manhattan”.

Pese ás ocultas fortunas galegas da emigración, sen fotos e sen focos, sería falso crer que todos os migrados triunfaron a base de suor e aforro. “Houbo éxito, pero tamén soidade e penuria. A maioría dos emigrantes eran homes, pero tamén mulleres que chegaban despois para traballar como costureiras ou empregadas domésticas. Moitas das historias que conto no libro son desas persoas, que vivían practicamente pechadas, sen ver a luz do sol”, di o escritor. Desas persoas, tampouco hai apenas imaxes.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta