Ikea confía á galega Irene Lourido a dirección financeira do grupo en España.
A directiva viguesa era ata agora a responsable global de Ikea Food, con actividade en 31 países, e suma máis de 20 anos de traxectoria no grupo sueco.
Lorena Lourido, nova directora financeira de Ikea en España.
Ikea nomeou á galega Lorena Lourido directora financeira (CFO) do grupo en España, posto ao que chega tras unha longa traxectoria, de máis de dúas décadas, na multinacional sueca. Será a primeira vez que a viguesa traballe e forme parte do comité de dirección da compañía en España, pois sempre desempeñara as súas funcións no estranxeiro.
Formada na Universidade de Vigo e na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lourido escalou dentro do grupo ata converterse na responsable global de Ikea Food. Agora regresa a España como responsable de finanzas, substituíndo no posto a Fátima García de Viedma, que seguirá vinculada á compañía.
Unha carreira en Irlanda e Reino Unido
A directiva galega aterrizou na multinacional sueca en 2004 dentro do servizo de Atención ao Cliente e durante sete anos ocupou diferentes roles relacionados coa experiencia de cliente no mercado de Reino Unido e Irlanda, ata que en 2011 foi designada directora axunta de Ventas en Ikea Gateshead, en Inglaterra. Un ano despois, asumiu a dirección da tenda Ikea en Warrington, posto que desempeñou durante catro anos ata o seu nomeamento como directora de Ikea Food no mercado.
Tras esta primeira incursión na alta dirección dentro da división de alimentación, deu definitivamente o salto dentro do Grupo Ingka en 2020, como máxima responsable global de Ikea Food nos 31 países nos que opera. O grupo sueco explica que durante esta etapa impulsou unha nova estratexia para garantir que en todos os mercados os alimentos de orixe vexetal tivesen un prezo igual ou inferior ao das alternativas de orixe animal, co propósito de inspirar un cambio nos hábitos de alimentación.
“Chego a España coa ilusión de quen regresa a casa e co orgullo de seguir construíndo dentro de Ikea”, dixo Lourido, que asumirá nos próximos días o seu novo cargo.