Máis repotenciacións de parques eólicos: a Xunta tramita sete solicitudes que eliminarán 222 muíños
Sete parques pasarán de 259 a 37 aeroxeradores, mantendo a mesma potencia, máis de 190 megavatios.
Imaxe de arquivo dun parque eólico de Iberdrola / Iberdrola
A Xunta tramita sete novas solicitudes de repotenciación presentadas nos últimos meses polos promotores doutros tantos parques eólicos xa instalados na comunidade.
En concreto, trátase de Barbanza I (con 60 aeroxeradores, que pretende pasar a catro), Barbanza II (de 26 a dous), Farelo repotenciación (18 a catro), Serra da Loba repotenciación (18 a cinco), Monte Treito repotenciación (40 a sete), Serra do Cando repotenciación (44 a sete) e Monte Seixo Cando repotenciación (53 a oito).
Así o recolle un informe conxunto das consellerías de Medio Ambiente e Economía, que analizou este luns o Consello e que sinala que, no caso de que sexan autorizados, estes proxectos permitirán eliminar 222 aeroxeradores, para pasar dos 259 que teñen a día de hoxe a 37, mantendo a mesma potencia (máis de 190 MW).
Un total de 16 parques en proceso
Segundo foi informado o Consello, estas melloras conseguiranse “apostando por unha maior eficiencia dos actuais parques”, xa que “con moitos menos aeroxeradores pódese, coa mesma potencia, incrementar nun 35% a produción enerxética”.
Entre 2024 e 2025 a Xunta aprobou a repotenciación doutros nove parques, dos que tres xa están nestes momentos en obras. Estima que, coa execución dos sete proxectos en tramitación e os nove autorizados, os 16 parques pasarán de producir 1.108.000 MW hora/ano a 1.495.000 MW hora/ano. Tamén prevé que se poida evitar a emisión de 702.650 toneladas de dióxido de carbono anualmente á atmosfera.
En paralelo, a Xunta reivindica a redución de prazos de autorización administrativa e asegura que “esta axilización xa se percibiu na tramitación da maioría dos nove proxectos autorizados nos dous últimos anos e a previsión é que as sete novas solicitudes se resolvan ao longo de 2026”.
Máis de 90 parques afectados por recursos
A maiores, informa de que na actualidade a potencia eólica instalada en Galicia é de 4.022 MW entre 194 parques en funcionamento e que “das 140 instalacións autorizadas e sen operar –incluídos os nove proxectos de repotenciación--, un total de 92 cunha potencia de 2.512 MW están afectadas por recursos xudiciais”.
“Esta situación ten un impacto directo nos obxectivos galegos de descarbonización”, avisa.
Axudas renovables
Por outra banda, o Consello avaliou este luns a nova convocatoria de axudas que vai lanzar a Consellería de Economía a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para fomentar o uso de fontes de enerxía renovables, para empresas, administracións e entidades sen ánimo de lucro.
O Goberno galego conta con 17,5 millóns de euros en catro liñas de apoio coas que espera mobilizar case 52 millóns de euros e alcanzar “importantes aforros enerxéticos”. As bases da convocatoria sairán publicadas este martes 20 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG).