A Fiscalía de Galicia apoia ao xuíz Villares e critica o seu traslado da sección do TSXG que xulgaba os eólicos
A Fiscalía Superior de Galicia critica a “ausencia de criterios obxectivos e precisos” e a “falta de motivación suficiente” no traslado do que fora líder de En Marea da sección terceira da sala do Contencioso, que paralizou decenas de proxectos eólicos.
O maxistrado Luis Villares na súa etapa como líder da formación política En Marea
A Fiscalía Superior de Galicia aprecia “ausencia de criterios obxectivos” e “falta de motivación suficiente” no traslado forzoso do xuíz Luís Villares da sección terceira da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que paralizou decenas de proxectos eólicos nos últimos tempos, para pasar á sección cuarta.
Esta apreciación queda plasmada nun ditame emitido a raíz dun recurso de reposición interposto pola CIG no marco doutro procedemento aberto fronte á providencia do 19 de maio de 2026 que acordou modificar a composición do tribunal e substituír á maxistrada relatora inicialmente designada para o mesmo nunha fase avanzada da tramitación.
Ante esta conxuntura, o sindicato interpuxo recurso de reposición ao considerar que a modificación vulneraba o dereito ao xuíz ordinario predeterminado pola lei e as garantías de independencia e imparcialidade xudicial.
O Ministerio Público indica no seu ditame que a modificación da maxistrada relatora é consecuencia do traslado forzoso destes dous maxistrados do alto tribunal galego.
A Fiscalía indica que a cuestión apelada “non se limita” a unha incidencia de organización interna ou reparto de ponencias, senón que afecta ás garantías derivadas do dereito fundamental ao xuíz ordinario predeterminado por lei.
“Sen motivación”
No seu ditame a Fiscalía fai referencia a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo, que apunta que un xuíz non se pode apartar dos asuntos que ten atribuídos “sen criterios obxectivos suficientemente precisos, sen motivación adecuada e sen garantías aptas para excluír toda aparencia de arbitrariedade”.
Por iso, entende que, neste caso, houbo “ausencia de criterios obxectivos e precisos” para tomar a decisión, así como “falta de motivación suficiente” xa que esta foi “xenérica e non individualizada” sen explicar por que o traslado forzoso era necesario para preservar a imparcialidade do tribunal en todos os asuntos.
Ademais, recalca que a alteración da composición do tribunal “foi substancial” e as carencias de motivación e a ausencia de criterios obxectivos poden xerar unha “aparencia de influencia externa indebida” sobre a modificación da composición e de arbitrariedade que “afectan á imaxe de imparcialidade e á confianza lexítima da cidadanía no sistema xudicial”.
O Ministerio Público conclúe que debe estimarse o recurso da CIG, que eleva ao órgano xudicial correspondente para que sexa resolto, e revogar a providencia do 19 de maio de 2026, que implica que a maxistrada relatora orixinal “debe seguir coñecendo o asunto ata a súa conclusión, salvo que concurra unha causa xusta de abstención ou recusación”.
Asunto no Supremo
Ao final de maio, a Fiscalía Superior de Galicia remitíu á do Tribunal Supremo as denuncias e documentación relativas aos cambios na sección de eólicos do Tribunal Superior de Xustiza.
Así consta nun escrito da Fiscalía galega, con data do pasado 29 de maio, remitido aos medios de comunicación pola CIG, que se atopa entre os colectivos denunciantes.
Tanto a CIG como a asociación ecoloxista Adega destacan nun comunicado que a Fiscalía Superior de Galicia acaba de comunicar a varios membros da coordinadora ‘Eólica Así Non’ que abriu “dilixencias de investigación preprocesal” por este asunto.
As denuncias eran por presunto delito de prevaricación ante os cambios realizados nas seccións do contencioso-administrativo do TSXG, no contexto da paralización de numerosos proxectos de parques eólicos por todo o territorio galego.