Naturleite, o leite galego de Mercadona, recorta beneficios en 2025 pero é a segunda filial máis rendible de Covap
A empresa con planta en Meira logrou uns beneficios antes de impostos de 4,7 millóns, algo máis do 10% dos beneficios do grupo que máis leite vende á cadea de Juan Roig.
Imaxe exterior da planta de Naturleite en Meira
A lista de provedores de Mercadona en Galicia, con grandes empresas como Profand ou Jealsa, conta con dúas de máis discreto tamaño, pero relevante influencia no sector lácteo galego. Unha é Entrepinares, fabricante de queixos con planta en Vilalba que recolle aproximadamente o 7% do leite que producen as granxas galegas. A outra é Naturleite, unha filial de Covap que opera desde 2018 en Meira, na antiga planta de Lactogal, e que integrou tamén o negocio de alimentación animal de Cereales Rego. Covap, grupo andaluz de base cooperativa, é o maior provedor de leite para a marca de distribución de Mercadona, Hacendado. E Naturleite é o seu brazo en Galicia, o territorio que máis produce do Estado.
A empresa que dirixe María Jesús Peteira recolle aproximadamente 110.000 toneladas en territorio galego e facturou 132 millóns en 2024. Á espera de que faga públicos os resultados do pasado exercicio, xa podemos saber que Naturleite xerou de novo beneficios millonarios, aínda que menos que hai dous anos. A compañía obtivo unhas ganancias antes de impostos de 4,72 millóns en 2025, inferiores aos 6,3 millóns do ano anterior. Así o recolle a memoria de sustentabilidade de Covap, na que destaca como a segunda filial que máis contribúe ao resultado do grupo.
A firma de Meira aportou un 10,6% dos beneficios antes de impostos da compañía andaluza, que ascenderon a 44,2 millóns. Os beneficios antes de impostos do grupo retrocederon un 13%, mentres que os de Naturleite fixérono nun 24%. A pesar diso, superou con holgura a achega de Làctia, a planta de Vidreres participada por Covap, que xerou 1,7 millóns, fronte aos máis de 3 millóns de 2024. A empresa galega tamén superou a contribución de 323.616 euros da filial estadounidense de Covap, cuxos beneficios caeron á metade, pero quedou por debaixo de Lactiber. A empresa con planta en León, participada polo grupo andaluz e por Iparlat, rexistrou uns beneficios antes de impostos de 6,6 millóns.

O leite de Mercadona
Entrepinares e Naturleite recollen aproximadamente un 11% do leite que subministran os gandeiros galegos á industria. Mesmo tomado de xeito conxunto, é un volume de recollida inferior ao de Capsa, o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, e ao de Lactalis en terras galegas. Aínda así, ao ter como principal cliente á cadea de Juan Roig, teñen tamén unha poderosa influencia na fixación de prezos no campo pola gran cantidade de leite que comercializa Mercadona e pola súa capacidade para influír nos prezos do resto de cadeas de distribución.
En 2024, Capsa tamén comezou a envasar leite para Hacendado desde a planta de Larsa en Outeiro de Rei. O grupo de José Armando Tellado é, á súa vez, socio de Covap na planta de Làctia en Vidreres.