Stellantis e Inditex non abondan: o PIB galego crece polos servizos fronte á contracción da industria
Os servizos públicos e as actividades profesionais lideran a contribución ao crecemento do PIB en Galicia en 2025, mentres a industria sitúase á cola; BBVA Research advirte que a automoción, atascada co vehículo eléctrico, terá unha influencia decisiva na evolución do PIB.

Foto de archivo de una fábrica de Stellantis / Stellantis
BBVA Research presentou este mércores as súas previsións sobre a evolución económica de Galicia, nas que estima que o PIB da comunidade aumentará un 2,3% en 2025, por baixo do 2,5% estatal; e un 1,8% en 2026, por riba da media española, para a que o centro de estudos calcula un avance do 1,7%. As previsións de BBVA, en todo caso, marcan unha clara desaceleración desde o 3,3% de crecemento de 2024, tendencia común ao conxunto do Estado.
O informe apunta ao consumo interno e ao gasto público como elementos clave para o crecemento, fronte á desaceleración das exportacións e do turismo, afectado polos incendios deste verán, e a “debilidade” da industria. De cumprirse as previsións, a taxa de paro podería reducirse ata o 8,6% e poderían crearse 29.500 empregos ata 2026. A contribución sectorial prevista deixa a dúas alavancas clave da economía galega, como a industria e o agroalimentario, á cola en canto á súa aportación ao avance do PIB e o emprego. Fronte a eles, os servizos pasarían a liderar o crecemento.
Esta distribución debuxa tamén unha distinción xeográfica, co predominio do sector agroalimentario no rural progresando a menor velocidade, e os maiores servizos do ámbito urbano, que marcan mellores ritmos de crecemento.