A UCO rexistra as casas de Pardo de Vera e o exdirector de Carreteras
A actuación da Unidade Central Operativa prodúcese unha semana despois de que o Supremo pedira a Audiencia nacional investigar a enxeñeira lucense por adxudicacións irregulares no marco do 'Caso Koldo'

Isabel Pardo de Vera, expresidenta de Adif / Europa Press
A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil visitou este xoves as casas da expresidenta de Adif Isabel Pardo de Vera e do exdirector de Carreteras, Javier Herrero, por orde da Audiencia Nacional, no marco da investigación do caso Koldo.
Fontes da investigación confirmaron a Europa Press que os axentes fixeron varios requerimentos e que estes xa finalizaron.
Solicitude de investigación do Supremo
Este movemento prodúcese unha semana despois de que o Tribunal Supremo enviase ao xuíz da Audiencia Nacional que tamén investiga a causa os “indicios consistentes” contra a expresidenta de Adif Isabel Pardo de Vera e o exdirector xeral de Estradas Javier Herrero para que decida se investiga os mesmos.
Segundo a Garda Civil, ambos terían podido “prestar asistencia” ao exministro José Luis Ábalos a través do seu exasesor Koldo García para as “adxudicacións indebidas” de obra pública a cambio de subornos no marco da presunta trama destapada pola UCO nas indagacións que dirixe o Supremo.
“Outra vez vai cantar”
Os investigadores da UCO detallaron nun informe que Koldo García “valíase presuntamente de Isabel Pardo de Vera e Javier Herrero para a manipulación” dos procesos de contratación.
E recollían unha conversa, gravada por García en novembro de 2020, na que pedía con insistencia á daquela presidenta da compañía pública ferroviaria a adxudicación para “LIC, nun primeiro momento tratando que fose de mantemento, e ante a negativa de Pardo de Vera, propondo que fose de emerxencia”.
Pardo de Vera recordáballe na conversa que lle acababan de conceder unha adxudicación pouco tempo atrás e darlle outra ía resultar sospeitoso, aínda que “se comprometeu”, segundo os axentes, “a sopesar as opcións para poder adxudicarlle algunha obra á construtora”.
“Demoslle unha de 700.000, fai nada, eh. Fai nada, é que outra vez vai cantar, déixame miralo”, respostou Pardo de Vera a García, que “departía directamente” coa dirixente de Adif.
Contratación de Jésica Rodríguez
O maxistrado do Supremo Leopoldo Puente considera que a conduta de ambos, por ser instrumentais ou accesorias á finalidade perseguida indiciariamente por Ábalos, non deben ser investigadas polo alto tribunal, polo que acordou deducir testimonio ao Xulgado Central de Instrución Número 2 para que resolva.
Cabe recordar que o titular dese xulgado, Ismael Moreno, xa citou como investigada a Pardo de Vera para que declare pola “contratación aparentemente irregular” de Jésica Rodríguez, exparella do exministro Ábalos, aínda que a declaración non ten data.