A AECC amplía o seu servizo de fisioterapia oncolóxica en Pontevedra co apoio do Plan Social de Ence.
O impulso do Plan Social de Ence permitiu á delegación da Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra reforzar o Servizo de Fisioterapia Oncolóxica con material novo.
O acompañamento ás persoas con cancro vai moito máis alá do tratamento médico. A rehabilitación física, o apoio psicolóxico e a orientación social convertéronse en piares fundamentais para mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias durante e despois da enfermidade. Neste contexto, o traballo de entidades como a Asociación Española contra o Cancro (AECC) resulta clave para cubrir necesidades que a miúdo non chegan a abordarse desde o sistema sanitario de forma integral.
Grazas á colaboración con programas de responsabilidade social, estes servizos poden ampliarse e adaptarse ás demandas reais dos pacientes. A AECC foi unha das beneficiarias da última edición do Plan Social de Ence, cuxo impulso permitiu reforzar o Servizo de Fisioterapia Oncolóxica na sede de Pontevedra mediante a dotación de material especializado. “Trátase dun servizo que leva anos en marcha. Intentamos ir incorporando material novo segundo as necesidades dos pacientes e o que vai vendo a fisioterapeuta”, explica a Economía Digital Galicia Cristina Ruibal, traballadora social da asociación.
Despois dos tratamentos con quimio ou radioterapia adoita haber secuelas que requiren de fisioterapia. No caso do cancro de peito é bastante común “a aparición de linfedemas” -inchazo crónico causado pola acumulación de líquido linfático nos tecidos-. Noutros casos é “necesario traballar o chan pélvico”. “Temos moita demanda deste servizo. Ademais das sesións individuais, tamén se traballa en grupos reducidos”.
A delegación de Pontevedra da AECC presta este servizo a persoas de toda a provincia. “Non é necesario residir en Vigo ou Pontevedra, o que buscamos é a equidade e que todo o mundo, independentemente de onde viva, no rural ou en zona urbana, poida acceder. Ás veces é bastante complicado que as persoas poidan acceder a certos servizos sociosanitarios. Tamén o facemos co resto de servizos como o de psicoloxía, traballo social…”, afirma Ruibal.
Non é a primeira vez que a asociación recibe o impulso do Plan Social de Ence, aínda que este proxecto é inédito e súmase a outras labores de gran calado social nas que traballa a Asociación Española Contra o Cancro como é a orientación sobre os recursos públicos: “É unha tarefa que desenvolvemos desde o departamento de Atención Social. Somos tres traballadoras sociais quen traballamos en toda a provincia con pacientes, xa sexa de maneira presencial, en domicilio, na propia sede ou por videollamada. Intentamos adaptarnos a todas as situacións e tratamos de ofrecer asesoramento en atención ás súas circunstancias e necesidades”, continúa Cristina.
A AECC conta, ademais, cunha batería de recursos propios, á disposición tanto dos pacientes como das súas familias. No ámbito da atención social conta cun servizo de préstamo de material ortoprotésico para persoas con dependencia que estean nunha fase da enfermidade avanzada ou en final de vida. Este material trasládase aos domicilios, instálase e axúdase, tamén, a adaptar a vivenda ás novas circunstancias. Iso mellora a súa calidade de vida e a das persoas conviventes.
Tamén contan con outros programas como o de aloxamentos en cidades distintas ás de orixe e ás que o paciente acode para recibir tratamento. Así, en lugares como Madrid, Barcelona ou Oviedo., por poñer un exemplo, a AECC conta cunha rede residencial para que pacientes e familiares teñan un lugar no que vivir mentres reciben o tratamento, en ocasións, de longa duración.
A todo isto, habería que sumar os servizos de fisioterapia, psicoloxía, logopedia ou o acompañamento a pacientes que realizan voluntarios da asociación. “Aparte dese préstamo de material ortoprotésico, dispoñemos doutros próteses, xa sexa de mama, perucas…”, cuxo uso impacta positivamente no coidado psicolóxico dos pacientes. “Coordinámonos con outras entidades, hospitais, centros de saúde, servizos sociais… para ofrecer unha atención íntegra desde todos os enfoques, que é moi importante”, comenta Ruibal.
A importancia da prevención
Este mércores, 4 de febreiro, conmemórase o Día Mundial contra o Cancro, unha data importante para incidir na prevención e poñer o foco nunha das principais causas do cancro: o tabaquismo. Segundo datos da propia asociación, un de cada tres casos de cancro está relacionado co tabaco, xa sexa en persoas que fuman ou fumaron; ou en persoas que estiveron expostas ao fume ambiental do tabaco. Ata 16 tipos desta patoloxía asócianse a este factor de risco, o causante de máis do 80% de casos de cancro de pulmón e larinxe, pero tamén entre o 30% e o 50% de casos de cancro de vexiga, orofaringe, esófago e boca.
Desde a AECC traballan intensamente na prevención do tabaquismo nas que tamén se pon o foco no consumo con vapers, unha tendencia moi ao alza nos últimos anos, especialmente entre a xente máis nova. “Ao principio parecía que non tiñan ese impacto, que en comparación co tabaco eran moito mellores. Agora que se sabe que non é así, a asociación está moi involucrada nesa prevención, nesa concienciación da xente de todas as idades, pero especialmente da xente nova”.
Unha das claves na loita contra o cancro é a investigación. Co seu apoio, máis de
máis de 3.000 investigadores en España traballan para mellorar a calidade de vida das persoas. A AECC destina o 18% de todos os seus ingresos a este fin. O obxectivo é ambicioso pero esperanzador: aspira a superar o 70 % de supervivencia en cancro en 2030.