Actualizado
A educación, pedra angular para reforzar a igualdade e o respecto ao medio ambiente.
O Plan Social de Ence impulsa proxectos educativos que fomentan a igualdade, a inclusión, promoven o respecto ao medio ambiente ofrecendo a nenos e mozos ferramentas para crecer en valores e transformar a sociedade.
O Plan Social de Ence consolidouse como unha ferramenta para impulsar proxectos educativos e formativos, cun impacto positivo e transformador na sociedade. Exemplo disto son as iniciativas que traballan directamente con nenos, mozos e colectivos vulnerables, e que fomentan a conciencia ambiental, a convivencia, a corresponsabilidade, a eliminación de estereotipos, a diversidade e a igualdade de oportunidades.
Neste marco de actuación, entidades sociais desenvolven programas de sensibilización en colexios, así como formación orientada á inserción laboral e actividades deportivas inclusivas que reforzan o valor da colaboración entre o tecido asociativo e Ence, para acadar unha sociedade máis igualitaria.
Un proxecto con catro piares
Unha destas iniciativas beneficiarias que poñen de manifesto o compromiso do Plan Social para fomentar a igualdade foi o proxecto promovido pola Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural, que se sustenta sobre catro piares principais. O primeiro deles é a prevención da exclusión e a violencia nas aulas: “Traballamos con mozos para evitar o bullying e autolesións. Levamos varios anos facendo campañas de sensibilización nos colexios”, explica a Economía Dixital Galicia Santiago Boullosa, membro da xunta directiva da asociación. Para iso deseñan folletos que envían, non só aos colexios de Pontevedra, Marín ou Poio, senón de toda a provincia.
Este ano, a asociación está desenvolvendo unha nova iniciativa na que converte os folletos informativos mencionados nun medio, a través do cal, os alumnos responden a cuestións vinculadas coa organización e loxística do centro educativo ao que pertencen, co obxectivo de que as súas opinións sirvan para mellorar a equipación dos espazos, a convivencia e a comunicación.
Neste sentido, o ano pasado a asociación lanzou un plan de prevención do maltrato ao profesorado. “Fixemos un estudo sobre quen maltrata aos profesores”, comenta Boullosa e, prosigue: “Por un lado, están os alumnos, que ás veces métense con eles, insultánoos, de forma presencial ou a través de redes sociais. Pero hai ocasións nas que reciben maltrato dos seus propios compañeiros e mesmo desde a dirección dos centros, por exemplo, coa carga de traballo”.
O segundo dos piares da iniciativa da asociación, que leva operativa desde 2017, é o da formación orientada principalmente ao marisqueo. O 90% dos destinatarios dos cursos son mulleres dos municipios costeiros da provincia de Pontevedra. “Nós lles damos a formación necesaria para que poidan obter o Permex, que é o título oficial que dá a Xunta para poder mariscar. Grazas aos cursos e á obtención do título poden ter unha fonte de ingresos, máis ou menos continua”, sinala o directivo da entidade asociativa. A iso súmanse programas de voluntariado relacionados co marisqueo. “Aproveitando que formamos e temos contacto con confrarías, desenvolvemos programas de voluntariado interxeracional, con mulleres que se xubilaron e xa non traballan ou que aínda están en activo pero que son de avanzada idade”. Con esta iniciativa tratan de facer fronte a a falta de relevo xeracional no sector, achegando o oficio a mozos interesados.
Así mesmo, ofrecen formación sobre competencias dixitais a persoas maiores. De feito, desde hai tres anos contan con cursos de intelixencia artificial orientado a emprendedoras que queren poñer en marcha calquera negocio ou que, tendo xa un, queren implantar tecnoloxías relacionadas coa intelixencia artificial para axilizar o seu traballo.
O terceiro pilar sobre o que se sustenta o proxecto é o deporte. A asociación fundou en 2023 unha escola deportiva á que acceden mozos remitidos doutras organizacións sociais, como a Asociación de Secretariado Xitano, da Asociación de Venezolanos de Pontevedra e mesmo do Sergas. Entre outros, trátase de “mozos que teñen un determinado grao de autismo e que necesitan traballo en grupo e un reforzo máis social que deportivo”.
Volviendo ao voluntariado, o Plan Social de Ence tamén permitiu á asociación comprar varias scooters eléctricas para adultos con mobilidade reducida. “Os mozos, adolescentes entre 16 e 18 anos xeralmente, fan saídas con eles. Coordinan uns horarios e lugares de saída e regreso, e fánlles compañía”, contan desde a entidade.
Os contos educativos
Outro dos proxectos que recibiu o impulso do Plan Social de Ence é o dos contos coeducativos, da asociación de Mulleres en Igualdade de Tui, unha iniciativa educativa e de sensibilidade social, cuxo obxectivo principal é fomentar a igualdade de xénero, a corresponsabilidade e o respecto ao medioambiente desde a infancia.
“O ano pasado repartimos dous mil exemplares dos contos A princesa valente e a lección de Lucas en diferentes centros de educación infantil e primaria de Marín, Poio e Pontevedra. Este ano imos facer o mesmo cun novo libro que editamos, que se chama A Capitá Lua e o máis dos estereotipos, explica a Economía Dixital Galicia Anabel Solla, presidenta da asociación.
Dest…