A patronal galega, sobre a entrada dos traballadores nos consellos de administración: “Desnaturaliza a súa función”
A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta a súa "profunda preocupación" polo contido do informe sobre democracia no traballo presentado pola vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, "e polo enfoque ideolóxico que volve a impregnar as iniciativas do seu departamento".
Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)
Preocupación na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pola proposta do Ministerio de Traballo sobre a entrada obrigatoria de representantes dos traballadores nos consellos de administración, con cotas de ata a metade dos asentos en determinadas empresas, así como a atribución de dereitos de veto e capacidade decisoria en materias estratéxicas.
O presidente da patronal, Juan Manuel Vieites, considera que “este plantexamento non só desnaturaliza a función do órgano de administración, senón que introduce un risco evidente de bloqueo na toma de decisións, perda de axilidade e conflitos de interese que poden comprometer a viabilidade das empresas”.
En canto ao acceso obrigatorio dos traballadores ao capital da empresa, a CEG considera “inaceptable que se pretenda impoñer porcentaxes de participación accionarial sen achega económica algunha, sen asunción de riscos patrimoniais e sen responsabilidades equivalentes ás do resto de socios”.
“Recoñecer aos traballadores como investidores laborais sen investimento nin risco real supón unha distorsión do concepto mesmo de propiedade e unha grave inseguridade xurídica para empresarios, investidores e emprendedores”, asevera.
Non son as únicas propostas que inquietan. A patronal manifestou a súa “profunda preocupación” polo contido do informe sobre democracia no traballo presentado pola vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, “e polo enfoque ideolóxico que volve a impregnar as iniciativas do seu departamento”.
Unhas iniciativas que, para a patronal galega, están “unha vez máis afastadas da realidade económica e empresarial do país e, en particular, do tecido produtivo galego”.
Para os empresarios galegos, o informe plantea un cambio “radical” do modelo empresarial e de relacións laborais “baixo o pretexto” do desenvolvemento do artigo 129.2 da Constitución, “pero faino mediante propostas que supoñen unha intervención directa na propiedade privada, na liberdade de empresa e na capacidade de xestión, piares básicos de calquera economía moderna e competitiva”.
“Utilización da fiscalidade”
Así mesmo, rexeita “frontalmente” a CEG a utilización da fiscalidade, a contratación pública e as cotizacións sociais “como instrumentos de presión ideolóxica, penalizando as empresas que non se axusten a un determinado modelo de democracia interna, definido unilateralmente polo Goberno”.
“Este enfoque introduce unha discriminación inaceptable entre empresas, desincentiva a inversión e sitúa España en clara desvantaxe competitiva fronte ao noso entorno europeo”, afirma.
Vieites lembra que o tecido empresarial galego está formado maioritariamente por pemes e empresas familiares, “moitas delas con dificultades reais de relevo xeracional”. “En lugar de facilitar a súa continuidade e crecemento, este tipo de propostas xeran incerteza, desconfianza e unha mensaxe moi negativa para quen arriscan o seu patrimonio, crean emprego e sosteñen a actividade económica”, sentenza.
A CEG reitera que a participación dos traballadores, o diálogo social e a mellora das condicións laborais son obxectivos “lexítimos e compartidos”, pero cre que “deben acadarase a través do acordo, a negociación colectiva e o respecto ao marco constitucional e europeo, non mediante imposicións que poñen en cuestión a propiedade privada e a liberdade de empresa”.
“Pedimos ao Goberno e, en particular, ao Ministerio de Traballo, que abandone as ocurrencias ideolóxicas e se centre en políticas realistas, orientadas a mellorar a produtividade, reducir a carga burocrática e fiscal, e reforzar a competitividade das nosas empresas, que son as únicas capaces de xerar emprego estable e riqueza sostible en Galicia e no conxunto de España”, urxe Vieites.