A rehabilitación de edificios ‘consome’ catro de cada dez euros que a Xunta dedica a vivenda.
Un informe revela que Galicia destina 944 euros por habitante a partidas orzamentarias como cultura, promoción económica, transporte, vivenda, medio ambiente ou cooperación exterior, mentres que sanidade, educación ou protección social reciben o triplo de recursos.
Edificio en construción. Eduardo Parra – Europa Press – Arquivo
Un informe detalla como se desglosa o gasto que as comunidades autónomas dedican aos denominados “servizos non esenciais”. O documento publicado polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) desgrana o esforzo presupostario que dedican os diferentes gobernos rexionais a áreas de cultura, promoción económica, transporte, vivenda, medio ambiente ou cooperación exterior.
De acordo a estes datos, Galicia dedica a estas partidas un gasto equivalente a 944 euros por habitante. Trátase dun 26% do total de gastos non financeiros (o 74% restante vai para sanidade, educación e protección social) e supón unha cifra lixeiramente inferior a unha media estatal que se sitúa nos 956 euros.
Segundo o estudo elaborado por Xoaquín Fernández Leiceaga (profesor titular de Economía Aplicada na USC e director do IDEGA), Santiago Lago Peñas (catedrático de Economía Aplicada na USC) e María Cadaval Sampedro (profesora contratada doutora e directora da Cátedra Iberoamericana da USC), os datos máis elevados rexístranos as comunidades forais.
Trátase de Navarra (2.099 euros) e País Vasco (1.754 euros), que se sitúan á fronte “en consonancia coa súa maior capacidade fiscal e autonomía tributaria”. Estas dúas comunidades lideran un top 5 que completan Cataluña (1.332 euros), Cantabria (1.316) e La Rioja (1.295).
Os autores consideran que este gasto en servizos non esenciais cumpre unha dobre función. Por un lado, “canaliza a autonomía programática dos gobernos rexionais e a súa capacidade para responder ás preferencias diferenciadas da cidadanía”. “Por outro, actúa como un instrumento de competencia política entre gobernos rexionais e de uso estratéxico dos recursos públicos”.
Radiografía do gasto en Galicia
Neste caso, Galicia dedica 63 euros por habitante a xustiza (fronte aos 75 da media estatal) e outros 10 euros a “seguridade cidadá e institucións penitenciarias”, o que supón case oito veces menos que unha media (76 euros) que se ve influída polos datos de Cataluña, País Vasco e Navarra, que teñen competencia plena en materia policial.
Galicia abona outros 4 euros por habitante en política exterior (case a metade que unha media estatal que rolda os 7 euros) e 190 euros a infraestruturas, partida esta última na que si se sitúa por encima do dato promedio no resto de autonomías (156 euros).
Por súa parte, son 416 euros por habitante os que a Xunta dedica a “promoción económica”, situándose así por encima dunha media de 361 euros. Deles, a maior cantidade (102 euros) van parar a agricultura, pesca e alimentación mentres que “fomento do emprego” e “comercio, turismo e pemes” sobresaen con 93 e 83 euros, respectivamente.
O gasto en vivenda
As partidas de I+D+i e “industria e enerxía” acaparan outros 59 e 25 euros, respectivamente, mentres que o gasto liquidado nun ámbito que se converteu nun punto quente na actualidade (a vivenda) rondou os 35 euros por habitante no período 2022-23.
O dato arroxado por Galicia queda por debaixo dunha media estatal (48 euros), que novamente se ve influída polos elevados datos das dúas comunidades forais (Navarra, con 126 euros, e País Vasco, con 113).
De acordo ao informe elaborado por Xoaquín Fernández Leiceaga, Santiago Lago Peñas e María Cadaval, un 41% das achegas da Xunta ao ámbito da vivenda canalizáronse mediante “axudas á rehabilitación, rexeneración ou renovación urbana”. Esta é a principal rúbrica, seguida da “promoción de vivenda en aluguer social asequible”, á que foron parar outro 26%.
Dest a forma, estes dous apartados acapararon dous terzos das cantidades dedicadas a vivenda, reservando o terzo restante para axudas co aluguer para os arrendatarios (un 14%), a “promoción de vivenda suxeita a algún tipo de protección pública” (un 7%) ou “axudas aos mozos” (un 5%).
“O gasto autonómico en vivenda segue sen incluírse entre as competencias esenciais, cunha forte dependencia da financiación estatal e unha evolución marcadamente procíclica. A falta de correlación entre gasto autonómico e necesidades obxectivas, como son a formación de novos fogares ou a presión do mercado, pon de manifesto a necesidade de revisar os criterios de asignación de recursos”, recalcan os autores.
“Nun futuro será necesario revisar o sistema de financiamento autonómico para incorporar mecanismos estables e obxectivos que permitan ás comunidades autónomas soster as súas políticas en servizos non esenciais, especialmente en vivenda, transporte e promoción económica,
onde as demandas sociais e os retos estructurais son crecentes; pero tamén pensando no que pode ocorrer no novo marco europeo de financiamento ou no impacto dos eventos extremos”, defenden os autores.