A AESIA eleva a súa aposta polo despregamento da intelixencia artificial en galego
A USC recibiu un novo respaldo do Goberno para impulsar a IA e as tecnoloxías da linguaxe para o galego en colaboración coa Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras, durante unha reunión celebrada en Madrid.
Novo paso adiante para a implantación do galego no ámbito da intelixencia artificial. A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, reafirmou o seu apoio á lingua galega coa asignación de máis financiamento e novos proxectos de intelixencia artificial que se canalizarán a través da Universidade de Santiago de Compostela.
Durante unha reunión celebrada esta semana en Madrid, a tamén presidenta da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), González Veracruz, adiantou a Rosa Crujeiras, a primeira reitora nos cinco séculos de historia da USC, a dotación deste financiamento adicional para seguir impulsando a intelixencia artificial e as tecnoloxías da lingua en galego, tras os resultados exitosos acadados ata o momento.
E é que o centro de investigación Citius, dependente da USC, asegurou o respaldo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para este cometido.
O novo convenio de colaboración está valorado en 480.000 euros e asegura os recursos para desenvolver coa AESIA as labores de alfabetización en intelixencia artificial, a avaliación de sesgos que atentan contra os dereitos fundamentais e a loita contra a desinformación nas tecnoloxías intelixentes.
“O Citius da Universidade de Santiago reúne unha combinación singular de experiencia científica, liderado en IA confiable e responsable, e capacidade de transferencia e formativa, o que o converte no noso aliado para seguir facendo de España un líder mundial en intelixencia artificial ética, confiable e polo ben común”, destacou González Veracruz.
Novo avance polo galego
O novo convenio ten lugar despois de que o centro de investigación Citius e o Instituto da Lingua Galega recibisen previamente 3,4 millóns de euros financiados en exclusiva pola Secretaría de Estado para potenciar o galego na era dixital.
Mediante estas achegas incrementáronse as coleccións de documentos cos que se adestran os modelos de IA -os corpus- pasando de 40 millóns de palabras en galego a 2.700 millóns, 67 veces máis. “Canto maior sexa o corpus, mellor aprende o modelo de intelixencia artificial, gañando precisión e reforzando o posicionamento da lingua galega”, destaca o Goberno.
Tamén se posibilitou o desenvolvemento de tradutores neuronais entre varias linguas, sendo o sistema de tradución galego-castelán o mellor de todos os existentes. Os equipos puideron adestrar para o galego e o portugués europeo grandes modelos de intelixencia artificial que permiten tarefas moi diversas -os chamados modelos fundacionais-. En concreto, traballaron os modelos de lingua Carballo, con altas prestacións en galego e en código aberto para favorecer a democratización da tecnoloxía. Por último, conseguiron elaborar sistemas de voz en galego de moi alta calidade.