Actualizado
Dó en Filmax: falece en Miami o lucense Julio Fernández, pioneiro da industria cinematográfica española
Fernández, natural de Cereixido (A Fonsagrada), produciu ao longo da súa carreira decenas de películas, foi membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, conselleiro da directiva de EGEDA, presidente da AEGACAT e recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Castelao ou as chaves da cidade de Barcelona e de Miami.
Julio Fernández Rodríguez, fundador de Filmax. Filmax
Julio Fernández Rodríguez, fundador de Filmax Entertainment, faleceu en Miami aos 78 anos. O produtor, natural de Cereixido (A Fonsagrada), ocupou a Presidencia do grupo ata 2010.
Fernández iniciou a súa aventura no mundo do cine en 1983, “viaxando a Hollywood para traer a España longametraxes que se converterían en grandes éxitos”, segundo explican desde a compañía. Poucos anos máis tarde adquiriu a marca Filmax.
“A súa visión e liderado foron fundamentais para construír unha das empresas históricas do sector cinematográfico español, converténdoo nun dos principais estudios independentes do país cunha gran impronta no desenvolvemento da industria audiovisual e do cine en España con trascendencia internacional”.
Destacan desde a compañía que o produtor era un home “apaixonado, soñador e gran visionario, amante do cine, que imprimiu a súa ilusión en cada proxecto”. “A súa valentía para emprender, innovar e apostar por novas formas de facer cine marcou o ADN da compañía desde os seus primeiros pasos. Froito do seu legado, actualmente a empresa acuña con fortaleza o lema Soñar é de valentes”.
Julio Rodríguez consolidouse como un dos artífices da nova etapa da industria audiovisual española nos anos 90, “sendo un referente na produción de cine fantástico e de terror, como o selo da Fantastic Factory, e películas de cine de animación, premiadas e recoñecidas en todo o mundo”.
Ao longo da súa carreira produciu decenas de películas, foi membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, conselleiro da directiva de EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais), presidente da AEGACAT (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña) e recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla Castelao do Goberno de Galicia ou as chaves da cidade de Barcelona e de Miami.
“Tanto Carlos Fernández como Laura Fernández e Sandra Fernández, irmán e fillas de Julio, xunto co resto do equipo Filmax, queren expresar o seu profundo agradecemento pola súa dedicación, o seu liderado visionario e a valentía coa que impulsou cada proxecto. O seu legado seguirá guiando ás novas xeracións do cine”.