Actualizado
Galicia chega ao acordo comercial con Mercosur cun déficit de 300 millóns: importa máis do dobre do que exporta.
O 90% dos produtos que chegan a Galicia procedentes de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai están vinculados á industria alimentaria.
Protesta en Lugo convocada por Agromuralla contra o acordo comercial da UE cos países do Mercosur / Agromuralla
Tras 25 anos de negociación, a UE deu luz verde ao acordo comercial cos países do Mercosur, que impulsará a circulación de produtos cun mercado de 740 millóns de habitantes a pesar da oposición mostrada por países como Francia, Polonia, Austria, Hungría ou Irlanda. O desbloqueo do tratado derivou nunha onda de protestas de agricultores e gandeiros, con organizacións como o Sindicato Labrego Galego, Agromuralla ou Gandeiros Galegos de Suprema alertando do impacto que terá no sector primario.
“Permitirá a chegada sen aranceis de 99.000 toneladas anuais de carne de bovino, 100.000 toneladas de carne de polo, miles de toneladas de carne de porco, 45.000 toneladas de mel, ademais da liberalización do 86% dos produtos agrícolas procedentes de Mercosur”, dixo o SLG, onde chaman a atención sobre a máis laxa normativa en dereitos laborais, esixencias ambientais e benestar animal de Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, o que podería derivar nunha “competencia desleal” fronte aos produtores galegos.
O desequilibrio comercial
O desasosego do rural fronte ao acordo ten o seu punto de apoio nunha balanza comercial que xa é altamente deficitaria. O desequilibrio alcanzou en 2024 os 3.600 millóns en España, fundamentalmente polos produtos agroalimentarios, con exportacións de 463 millóns e importacións por valor de 4.118 millóns. Do Mercosur chega sobre todo soia, café, crustáceos e millo, e agora o temor radica en que se incrementen significativamente as importacións de carne.
A balanza tampouco está parella en Galicia, que ao igual que o resto do Estado, rexistra un importante déficit na súa relación comercial con Mercosur. Os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística mostran que ata outubro de 2025 entraron na comunidade produtos por valor de 542,18 millóns procedentes dos países do Mercosur, fronte a unhas exportacións de 229,7 millóns, o que arroxaría un déficit de 312,5 millóns. Dito doutra forma, Galicia importou máis do dobre do que exportou a Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai nos 10 primeiros meses do ano pasado.
Galicia non fai caixa en Mercosur
Con todo, o desequilibrio é bastante maior se se atende só ao sector agroalimentario, pois este concentra o 90% dos produtos que chegan á comunidade procedentes do Mercosur. Os últimos datos do IGE para un ano completo, o de 2024, sitúan en 862 millóns as importacións galegas, dos que 700 millóns estarían vinculados á industria alimentaria. A isto habería que sumar outros 32 millóns de produtos agrogandeiros; 33 millóns vinculados á industria da madeira e forestal, ou 8,5 millóns á fabricación de bebidas.
Por outra banda, as exportacións galegas vinculadas a produtos de alimentación foron só de 18,6 millóns aquel exercicio, segundo o IGE. O déficit, polo tanto, sería bastante máis elevado no sector primario, que no conxunto, xa que Galicia exporta ao Mercosur principalmente vehículos, maquinaria e equipos eléctricos. En España, o principal produto alimentario exportado aos catro países latinoamericanos é o aceite de oliva.