Actualizado
Incendios, retos da minería e financiamento autonómico, a debate no encontro anual do Foro Económico de Galicia
A XV Reunión Anual, que se celebrará os próximos 9 e 10 de abril no Parador de Muxía, tamén analizaranse outros temas como a actual situación xeopolítica e económica mundial.
Foto de familia da XIV Reunión Anual do Foro Económico de Galicia
Os próximos 9 e 10 de abril o Foro Económico de Galicia celebrará en Muxía a súa XV Reunión Anual na que se abordarán temas de máxima actualidade como as causas dos incendios forestais, a minería de Galicia, a financiación autonómica ou a actual situación xeopolítica e económica mundial.
“O Encontro Anual do foro cumpre 15 anos e cada vez é máis necesaria esta chamada á reflexión sosegada sobre os temas que ocupan a axenda da actualidade, dous días para o debate entre representantes políticos, empresas, organismos internacionais e económicos, universidades e xornalistas”, apuntou o director do Foro Económico, Santiago Lago
A Reunión Anual, que se celebrará unha vez máis no Parador de Muxía, comezará o xoves cunha inauguración a cargo de Victor Nogueira, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago Peñas, director do Foro; e Lucía Ferreira (xerente).
A primeira das mesas de debate, moderada pola xornalista Lara Graña, será a ‘Economía global, cadeas de valor e as 3 GEOs: xeoestratexia, xeopolítica e xeoeconomía’, contará coa presenza de Francisco Carballo (Universidade do Minho); Maria Bastida (Universidade de Santiago); Fernando González Laxe (Universidade da Coruña), e Maria Montalvo Freire (Megasa).
A segunda mesa, ‘Minería en Galicia: retos e proxectos’, contará con Emilio Bruquetas (Recursos de Galicia); Alberto Lavandeira (Atalaya Mining); José Manuel Saldaña Oliete (SAMCA), Manuel Soto Castiñeira (ADEGA e Universidade da Coruña), e estará moderada pola xornalista Fernanda Tabares.
O xoves pola tarde chegará o turno de ‘Incendios forestais: como abordar as causas e mitigar os seus efectos’, con Edelmiro López (Universidade de Santiago de Compostela); Juan Picos (Universidade de Vigo); Nuria Rodríguez Arias (LugoMadera); e Fantina Tedim (Universidade do Porto), nunha mesa moderada pola xornalista Verónica Núñez.
O venres, a primeira mesa, presenta Marta Fernández Currás (Ecoener / RCDeportivo A Coruña), será ‘O bo momento da economía española ante os desafíos globais’, con Luiz De Mello (director dos estudos de país da OCDE) e Raymond Torres (director de Conxuntura Económica de FUNCAS).
A última das mesas do Encontro será ‘Financiación autonómica: Unha guía para non Perderse’, con Miguel Corgos (Consellería de Facenda); Maria Cadaval (Universidade de Santiago); Santiago Lago Peñas (Universidade de Santiago), e Xoaquín Fernández Leiceaga (Universidade de Santiago) e estará moderada polo xornalista Julián Rodríguez.