O comercio téxtil coruñés arrincará as rebaixas con folga.
Os sindicatos CIG e UGT convocaron paros de 24 horas para este mércores, coincidindo co inicio das rebaixas, para pedir que o sector "blinde os convenios provinciais fronte ao estatal".
Rolda de prensa para informar sobre a folga no comercio téxtil na provincia da Coruña / CIG
Folga á vista no comercio téxtil da provincia da Coruña. Os sindicatos CIG e UGT convocaron paros no sector para este mércores, día 7, en demanda dun marco galego “que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal”.
Trátase dun paro de 24 horas (coincidindo coa primeira xornada de rebaixas) e que virá acompañado dunha manifestación desde a Praza de Lugo, a partir das doce do mediodía.
A través dun comunicado, as centrais sindicais salientan que o sector está regulado por un convenio estatal que, apostilan, “reúne peores condicións” e que, engaden, “pretende implantar a patronal ARTE“, integrada polas grandes empresas do sector. Neste sentido, CIG e UGT cualifican de “exitosas” as mobilizacións de decembro e afirman que o empresariado “aceptou na última reunión a prioridade da negociación autonómica”.
A CIG explica que, por iso, solicitou, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, “reunións coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais”, sen ter por agora resposta. A iso, atribúen a nova convocatoria de folga.