A antiga Everis (NTT Data) e Seresco fanse coa plataforma de créditos de carbono da Xunta
A Consellería de Medio Ambiente propón adxudicar á UTE formada pola xaponesa NTT Data e Seresco o desenvolvemento tecnolóxico do mercado de créditos de carbono por cinco millóns tras excluír dúas das cinco ofertas presentadas á licitación.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante o I Foro Técnico da Alianza Galega polo Clima en Palexco (A Coruña) / Xunta
A xaponesa NTT Data, herdeira da histórica firma tecnolóxica Everis, e Seresco encargaránse de desenvolver a plataforma tecnolóxica para o mercado de créditos de carbono da Xunta por algo máis de cinco millóns. A mesa da Consellería de Medio Ambiente, que licitou o contrato, propuxo a adxudicación á alianza entre estas dúas empresas, que recibiron a mellor valoración conxunta, ao sumar criterios técnicos e económicos, superando aos outros dous licitadores, a galega Bahía Software e Telespazio.
Tamén presentaron ofertas Minsait, filial de Indra, en alianza con Cotesa (Grupo Tecopy), e a consultora BIP Group, pero ambas foron excluídas do concurso, no caso das primeiras, por incumprir o requisito de horas de dedicación obrigatoria do equipo mínimo de traballo, e a segunda por non acadar o limiar mínimo de puntos nunha das valoracións do apartado técnico.
O pasado martes, a mesa de contratación propuxo a adxudicación provisional do contrato a NTT Data e Seresco, á espera de completar a entrega da documentación necesaria para a formalización do contrato. A oferta presentada pola UTE ascende a 5,02 millóns, cun royalty fixo anual de 45.000 euros. Este pago realízase nos próximos cinco anos desde a finalización do contrato en concepto de licenza.
A plataforma dixital permitirá artellar o mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia, concebido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2. Forma parte do proxecto SICLE CO2, dotado con 6,8 millóns de fondos públicos co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras para a descarbonización.
Como funciona un mercado de carbono
Ao final de marzo, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír a conseguir a neutralidade climática de Galicia en 2040. Tamén apuntou nun almorzo informativo que suporá unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da comunidade en ámbitos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o energético.
O departamento que dirixe a conselleira Ángeles Vázquez explicou que terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non o deber legal de compensar as súas emisións. Se todo marcha ben, Galicia terá o primeiro mercado voluntario de carbono destas características, asentado na incorporación das novas tecnoloxías e elementos innovadores para permitir a “empresas, entidades, organizacións e cidadáns realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior”. A data límite que estableceu o prego para a execución da plataforma tecnolóxica é o 31 de decembro de 2028, aínda que a estimación da duración do traballo é de 37 meses.