A CIG di que o convenio de ARTE, a patronal de Inditex, Primark ou H&M, recortará salarios en Galicia.
O sindicato advirte que o preacordo asinado en Madrid supón unha rebaixa de cerca de 2.000 euros para as dependentas das provincias da Coruña e Pontevedra, así como a perda do complemento de antigüidade en Lugo e Ourense.
EFE Cabalar
O preacordo acadado pola Asociación Retail Téxtil España (ARTE) con CCOO e Fetico para alumar o seu primeiro convenio estatal tras tres anos de negociación cos sindicatos supón, a xuízo da CIG, un importante retroceso en dereitos laborais e salariais en Galicia. Nun comunicado, a central advirte que empeorará as condicións das traballadoras nas grandes cadeas de téxtil e calzado, ademais de afondar na centralización da negociación colectiva, “afastándoa dos centros de traballo e laminando a capacidade do persoal para decidir sobre o que se está a negociar”.
O convenio de ARTE, de consolidarse, afectaría a máis de 100.000 traballadores das tendas españolas das grandes multinacionais da moda. A patronal ten entre os seus asociados a Inditex, Primark, H&M, Mango, Tendam, Bimba y Lola, Kiabi, Pepco ou Uniqlo, entre outras. O pasado luns asinouse o preacordo que, a xuízo da CIG, recolle as principais esixencias das compañías en materia de salario, xornada e contratación.
Perda de 2.000 euros ao ano
A CIG di que, en comparación cos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo suporán unha rebaixa de arredor de 2.000 euros anuais para a categoría de dependenta nas provincias da Coruña e Pontevedra. Ademais, suporá a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense e a do complemento de permanencia na Coruña.
O preacordo establece, segundo o sindicato, a obrigatoriedade de traballar os domingos e días festivos de apertura; mentres que a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación. O documento recupera a categoría de persoal axudante de dependenta durante 15 meses, o que implica salarios máis baixos, e autoriza a contratación fixa-discontinua a tempo parcial, “afondando máis na precarización dun sector marcado polas elevadas taxas de parcialidade”, di a CIG.
Convenios provinciais
O sindicato denuncia que a firma deste convenio estatal suporá a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais, como pode apreciarse na negativa da patronal a negociar o convenio do comercio vario. A proposta da CIG de blindar os convenios provinciais fronte ao de ARTE mediante a creación dun marco galego propio, tal e como se fixo en Euskadi, tamén foi rexeitada.
Ante esta situación, o sindicato fai un chamamento ás traballadoras do comercio para que se mobilicen en defensa dos seus dereitos e para conseguir que o convenio de ARTE non se aplique na comunidade, pois empeorará as condicións de traballo.