A Fiscalía solicita o sobresemento da causa contra o ex-xefe de Isidro 1952: «A situación era máis que complicada»
A Fiscalía solicitou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións en relación ao exresponsable de Isidro 1952, que declarou este martes na Audiencia Provincial da Coruña, acusado de insolvencia punible por posibles irregularidades na contabilidade da empresa.
Imaxe de arquivo das bandexas de sushi elaboradas por Isidro 1952
Quenda na Audiencia Provincial da Coruña do xuízo pola caída de Isidro 1952. O responsable da empresa pesqueira, acusado de insolvencia punible por posibles irregularidades na contabilidade que impediran comprender cal era a verdadeira situación da compañía, alegou que tiña “constancia de que as cifras eran negativas”.
“A situación era máis que complicada”, asegurou no xuízo celebrado este martes. “Unha empresa non pecha por un tema de resultados, senón sobre todo por liquidez”, explicou para engadir que no momento en que comprobaron que os números “eran negativos” tomaron a decisión de iniciar o concurso de acredores.
Segundo o seu relato, a empresa viuse abocada a solicitar o preconcurso cando a firma da que dependía o 85% da súa facturación (Lidl) lles comunica que “vai rebaixar o importe das vendas” debido a unha “circunstancia de mercado”.
“Sumamos ambas cuestións, resultados e liquidez, e foi o que levou a tomar a decisión, como indica a propia lei”, argumentou. Respecto ao plan de negocios posterior, o encausado sinalou que se elabora en base ao acordo de refinanciamento no que participaron máis dunha ducia de entidades.
“Foron quen impuxeron que un experto independente realizase un plan de negocios para establecer as condicións dese refinanciamento”, expuxo. “De aí saíron todos os aspectos, estrutura e balance da nova compañía”, insistiu. Por outra banda, apuntou que “todos os activos foron obxecto de taxación oficial”.
Así mesmo, indicou que se puxeron en contacto cos acredores comerciais aos que aportaron “toda a documentación necesaria” para que puidesen decidir se pasaban á nova sociedade ou quedaban na anterior. “Foron os impulsores e coñecedores desa operación e non houbo ningunha obxección por parte de ninguén, nin no seu momento nin posteriormente”, apostilou.
Os argumentos da Fiscalía
Neste sentido, o Ministerio Público solicita o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións en relación ao exresponsable de Isidro 1952. No seu escrito, Fiscalía sinala que a empresa, constituída en 2016, tiña un proceso para “reestruturar a débeda financeira existente”, cun acordo de refinanciamento, homologado polo Xulgado do Mercantil.
Na execución do disposto no citado acordo, subscribiuse a compra venda de unidade de negocio ou rama de actividade de procesado, transformación e a produción e actividade de acuicultura por parte de Isidro 1952, S.L. a outras dúas compañías.
“Das actuacións practicadas, derívase que cando Isidro 1952 inicia a súa andaina no ano 2017 xa o fai cunha elevadísima débeda financeira tras a referida operación de compravenda da unidade de negocio, pois con esta operación asumiu arredor de 25 millóns de débeda financeira, tratándose de débeda xa existente subscrita no seu momento pola antiga Isidro da Cal (actualmente, Comercial de Cultivos Piscícolas de Galicia)”.
“Sen que fose acompañada da entrada de liquidez, senón que se traduciu exclusivamente en refinanciamento de débeda xa existente, e recibindo como contraprestación unha nave cunha hipoteca que superaba o valor desta, e un conxunto de maquinaria e demais inmobilizado material cun valor arredor dos sete millóns e medio de euros”.
O balance de Isidro 1952
“Por tanto non é certa a afirmación realizada polo querelante de que a entidade Isidro 1952,S.L. só recibise as débedas e a nave hipotecada, conservando Comercial de Cultivos Piscícolas de Galicia S.L.U todo o activo, pois Isidro 1952 S.L. tamén recibiu como libre maquinaria e inmobilizado material valorado arredor de sete millóns e medio de euros, afirmando o administrador concursal na declaración prestada en sede xudicial que ambas entidades repartiron o activo e o pasivo”.
“Ao longo da instrución non se concretou en ningún caso, nin pola referida administración concursal nin polo informe pericial presentado polo querelante, o valor que debería atribuírselle a ditas marcas e ao fondo de comercio, tanto na data en que se recibiron como en anos posteriores, cuestión que, nun ámbito como no que nos atopamos, entendemos esencial para avaliar se a sobrevaloración que se alega convertía á irregularidade cometida en relevante”, apostilla.
“E en canto aos créditos fronte a outras sociedades do grupo, sinalou igualmente o administrador concursal na súa declaración xudicial que, no momento en que naceu o concurso, e polo tanto, no ano 2020, dispoñíase de información suficiente para considerar que eses créditos deberían levarse a perdas, polo menos parcialmente, porque as empresas do grupo estaban na mesma situación de insolvencia ou concurso, polo que parte dos activos deberían de terse dado antes de baixa”.
“En todo caso, á marxe das irregularidades anteriormente referidas e ás discrepancias xurdidas en torno a elas, o certo é que para entender que se cometeu un delito de insolvencia punible é necesario que ditas irregularidades impidan a quen examina a contabilidade facerse unha idea correcta da situación patrimonial e financeira da empresa”.
“De tal modo que en si mesma teña capacidade de influír no usuario, entendendo esta representación que non concorre no presente caso dito requisito”, conclúe ao descartar que exista un delito de insolvencia punible ou outro de estafa.