A Panificadora Debén encadea o seu terceiro ano en números vermello, pero mantén os catro millóns en vendas.
A compañía, con domicilio social na avenida de Finisterre de A Coruña, pechou o 2024 con unhas perdas de 16.989 euros, por riba do saldo negativo de 1.615 euros do ano anterior e case tres veces menos dos 49.000 cos que despediu o 2022.

Establecimiento de Tahonas Debén en A Coruña
Coa venda das panadarías Sanbrandan ao fondo de investimento CVC e a compra de Ingapán por Europastry, que en 2019 conseguiu o 100% do capital da compañía lucense, Tahonas Debén consolidouse como a última empresa familiar galega dedicada ao negocio do pan conxelado. Panificadora Debén, a sociedade que está tras a compañía, conseguiu manter en 2024 a súa facturación por riba dos catro millóns de euros.
En concreto, segundo a información depositada no Rexistro Mercantil e consultada por Economía Digital Galicia, a sociedade colleitou o pasado exercicio unha cifra de negocios de 4,15 millóns, lixeiramente por riba dos 4,05 do ano anterior.
A pesar de manter a facturación a compañía incrementou as perdas pasando dos 1.615 do 2023 aos 16.989 euros. O 2024 é o terceiro ano consecutivo que a firma pecha en negativo. En todo caso, as perdas o ano pasado foron case tres veces menos que as rexistradas en 2022 cando ascenderon a 49.000 euros.
En canto ao resultado de explotación –o propio da actividade da empresa– pasou dos 1.875 euros a un saldo negativo de 25.885 euros. A compañía, que manexa uns activos de case un millón de euros, despediu o 2024 cun patrimonio neto de 651.330 euros, moi próximo aos 679.000 do ano anterior.
Tahonas Debén, casi un século de traxectoria
Fundada en 1930 por Manuel Debén, avó dos actuais xestores, a empresa conta con 16 puntos de venda distribuídos por toda a área metropolitana da Coruña.
“No ano de 1978 o Sr José Debén García deu o primeiro paso estratéxico cara á creación da súa propia rede de tendas na Coruña capital trasladando e aumentando así esta pequena industria desde a rúa Cuba ata unha industria superior no polígono da Grela onde se atopa actualmente a empresa; instalando as últimas tecnoloxías para a elaboración dos seus produtos tanto de panadaría como de pastelería; colocando un forno de pedra para garantir a calidade en todos os seus pans; instalando, ademais, fornos industriais, unha zona para elaboración de empanadas e outra sección para a pastelería”, explican desde a compañía.
Tal e como figura na memoria que acompaña ás contas, a empresa conta na actualidade cunha plantilla de 75 empregados –a mesma cifra que o ano anterior– dos que 58 son fixos e 17 eventuais.
Cambio de mans en Sanbrandan e Ingapán
O pasado marzo Industriais Panadeiros Agrupados (Ipasa), empresa propietaria da cadea de panadarías Sanbrandan, pasou a integrarse dentro de Monbake, grupo empresarial navarro capitaneado polo fondo de capital risco CVC Capital Partners, especializado na fabricación de masas conxeladas, panadaría, bollería e pastelería, tanto en territorio nacional como internacional, con presenza en máis de 30 países.
En 2023, último exercicio do que hai información dispoñible, Ipasa volveu á senda dos beneficios tras alcanzar unha facturación récord de 26,4 millóns, fronte ás perdas de 561.000 euros do ano anterior.
Pola súa parte, Ingapán cambiou de mans en 2017 cando Europastry, a firma da familia Gallés, fixo co 60% do capital da compañía da familia Chousa. Dous anos máis tarde adquiriu o 40% restante.
Europastry, que incrementou en 2023 un 12% as súas vendas ata os 1.506 millóns, pechou o primeiro semestre do actual exercicio cunha facturación de 800 millóns, outro 12 % por riba dos alcanzados no mesmo período do ano anterior. Nos primeiros seis meses do ano tamén pechou a compra do 60% da tailandesa Art of Baking, especializada en produtos de panadaría conxelada.
O pasado xuño Criteria Caixa, o brazo inversor da Fundación La Caixa, decidiu deixar en stand by a operación para entrar no capital de Europastry que anunciara o pasado marzo coa que pasaría a controlar o 20% da compañía tras unha inxección de capital cifrada en uns 280 millóns de euros.