De Urovesa a Armón: as empresas do desfile das Forzas Armadas
A consultora especializada no sector da defensa Indie lista as empresas representadas no Día das Forzas Armadas, algunhas con forte presenza en Galicia como Navantia, Indra, Urovesa ou Armón.
Os Reis Felipe VI e Letizia e a Princesa Leonor presiden desde a tribuna de honra o acto central conmemorativo do Día das Forzas Armadas, o 30 de maio de 2026, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). O desfile civil e militar reuniu motos, agrupacións a pé (ao ritmo de 124 pasos por minuto), efectivos da Lexión (neste caso a 160 pasos por minuto) e unidades a cabalo. En total, case 3.300 integrantes da Garda Real, do Exército de Terra, da Armada, do Exército do Aire e do Espazo, da Garda Civil e da Unidade Militar de Emerxencias participaron no acto. Adrián Irago / Europa Press 30/5/2026
O desfile do Día das Forzas Armadas celebrouse por primeira vez en Vigo, nunha xornada marcada pola cancelación do desfile aéreo debido á meteoroloxía. O acto, que contou coa presenza dos reis e da infanta Leonor, chegou tras varios días de eventos, un dos máis chamativos o do venres na praia de Samil, onde practicaron simulacros os Exércitos de Terra e do Aire e do Espazo, a Armada, a UME e a Garda Civil.
Aínda que a climatoloxía impediu o desenvolvemento completo do programa, para este sábado estaba previsto o despregamento de 30 cazas, 16 aeronaves de transporte, 25 helicópteros e 109 vehículos. Tras eles está unha industria en garda para aproveitar o forte incremento do investimento público para o rearme europeo, que se traduciu en 34.000 millóns no pasado exercicio.
O mar
A consultora Indie, especializada no sector da defensa, fixo unha análise para El Economista das compañías representadas nos actos conmemorativos do Día das Forzas Armadas. E entre elas hai algunhas galegas, como Urovesa, e outras especialmente vinculadas á comunidade, como Navantia.
Ademais dos estaleiros públicos, compañías como Indra, Sener ou Amper están vinculadas ao desenvolvemento dos programas de fragatas F-100 e F-110 ou o portaeronaves Juan Carlos I. Estaleiros Armón, con instalacións en Vigo, e Zodiac Milpro, especializadas en patrulleiras e embarcacións tácticas para Armada e Garda Civil completan a industria vinculada á defensa naval.
A terra
Urovesa, a fabricante dos exitosos Vamtac, está vinculada aos programas de modernización do Exército de Terra e ao desenvolvemento de capacidades avanzadas en mobilidade. Santa Bárbara exhibiu blindados como o Leopard 2E ou o Pizarro; e Escribano estreou o vehículo de combate polivalente VCR 8×8 Dragón, que en realidade foi desenvolvido polo consorcio Tess Defence (integrado por EM&E, GDELS, Sapa e Indra).
Oesía, a compañía á que foi traballar Patricia Argerey, exdirectora da Axencia Galega de Innovación, é unha das firmas especializadas en ciberseguridade e guerra electrónica, vinculada aos desenvolvementos do Exército de Terra, co que tamén traballan Einsa, Iturri, Feca ou TRC.
O aire
Airbus Defence & Space e Airbus Helicopters lideran programas clave como o Eurofighter, o A400M ou os helicópteros NH90 e Tigre. Indra e Sener desenvolven programas vinculados a radares, sistemas electrónicos e capacidades espaciais. Tamén estaban chamados ao desfile, segundo a consultora, xigantes mundiais como Boeing, Lockheed Martin, BAE Systems, Raytheon ou Dassault Aviation, pola súa participación en programas como o F-18 Hornet, os mísiles Patriot, o Harrier ou o Falcon 900.