A tecnolóxica ourensá Redegal aumenta un 20% os seus ingresos o ano do seu salto á bolsa.
A compañía xerou un volume de negocio próximo aos 17 millóns de euros, correspondente a contratos asinados e proxectos en curso que se irán recoñecendo contablemente nos próximos exercicios.
Oficina de Redegal en Ourense – Redegal
Redegal, a tecnoloxía ourensá capitaneada por Jorge Vázquez, despediu o 2025, ano do seu debut en bolsa, cunha facturación de 16,6 millóns de euros, un crecemento superior ao 20% respecto ao exercicio anterior, segundo cifras preliminares non auditadas publicadas pola compañía.
En un comunicado de prensa, a tecnolóxica sinala que xerou un volume de negocio próximo aos 17 millóns de euros, correspondente a contratos asinados e proxectos en curso que se irán recoñecendo contablemente nos próximos exercicios, o que reforza a visibilidade de crecemento futuro do grupo.
Este impulso estivo liderado pola internacionalización do seu ecosistema de produto propio, así como polo crecemento orgánico das súas unidades de negocio de Digital Business e Digital Tech, coa incorporación de novas compañías middle market e enterprise á súa carteira de clientes.
“Os produtos propios Boostic.cloud e Binnacle Data, solucións data-driven desenvolvidas pola compañía, consolidáronse como elementos centrais da estratexia, logrando unha tracción significativa en grandes contas internacionais. A través dunha rede de partnerships estratéxicos en Europa e Latinoamérica, Redegal avanzou na transformación do seu mix de ingresos cara a modelos de maior valor engadido e recorrencia, permitindo unha expansión máis áxil e eficiente en mercados competitivos”.
Dende a empresa explican que reforzaron o seu modelo organizativo, logrando reducir a súa rotación de talento ata o 5,1%, un dato significativamente inferior á media do sector tecnolóxico, e aliñado coa súa aposta polo crecemento sostible e a retención de coñecemento clave.
Así mesmo, e en liña co seu plan de crecemento orgánico e inorgánico, reforzou a súa estrutura financeira mediante un financiamento específico destinado a innovación e dixitalización, acollido aos programas europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia (InvestEU-European Investment Fund), estruturado polo equipo de WholesaleBanking CIB de EBN Banco.
En palabras de Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal, “foi un 2025 de crecemento moi sólido en todos os aspectos para Redegal, validando un modelo que prioriza a rendibilidade e o valor estratéxico. O impulso internacional de Boostic.cloud e Binnacle Data, sumado á nosa capacidade para fidelizar o talento, sitúanos nunha posición privilexiada. En apenas seis meses como cotizada en BME Growth, enviamos unha mensaxe de solidez ao mercado: somos unha compañía cun produto escalable e unha ambición global clara”.
Redegal reforzou a súa diversificación coa apertura de mercados en Países Baixos e Italia, que xa mostran unha evolución positiva, e un desempeño en Portugal que superou todas as expectativas. Esta presenza internacional, unida a unha estrita disciplina na xestión de custos, permitiu fortalecer a visibilidade de resultados cara aos próximos exercicios.
A compañía chega así ao seu primeiro aniversario no mercado cunha estrutura financeira robusta e unha folla de ruta clara: seguir equilibrando o crecemento orgánico con operacións inorgánicas selectivas, mantendo sempre foco na mellora de marxes e creación de valor a longo prazo para os seus accionistas.