A Xunta dá luz verde ao novo plan de emerxencias de Alcoa para a súa balsa de lodos.
O Consello da Xunta aprobou a revisión do novo plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermello de Alúmina Española.

Vista área de la balsa de lodos de la factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Lugo).
Luz verde ao novo plan de emerxencia exterior (PEE) do depósito de lodos vermello de Alcoa en Xove. O Consello da Xunta aprobou este luns a revisión deste documento que xa recibira o informe favorable o pasado mes de xullo no pleno da Comisión Galega de Protección Civil.
Deste modo, derrogarase o PEE aprobado en 2012 e acórdase a súa revisión tendo en conta a nova clasificación do residuo que almacena o depósito e a recrecida deste desde a cota 100 á cota 104 metros sobre o nivel do mar (msnm). Isto supón revisar a análise de riscos e o epígrafe de operatividade para establecer as fases e situacións que se indican na Norma básica de Protección Civil.
Estes plans de emerxencia exterior son documentos que se elaboran co obxecto de dar resposta a posibles situacións que se poidan producir e que impliquen perigo para as persoas e bens ou consecuencias graves para o medio ambiente. Neste caso abordouse como consecuencia dun accidente no depósito de barro vermello situado no concello lucense de Xove, cuxo titular é a empresa Alúmina Española.
O plan elaborouse para dar resposta ás situacións de emerxencia derivadas dun hipotético fallo nos diques que pechan o depósito, establecer os sistemas de coordinación coas organizacións das administracións municipais e definir os criterios para a elaboración dos plans de actuación municipal destas. Tamén especifica os procedementos de información á poboación sobre as medidas de seguridade que deban tomarse e sobre o comportamento que se debe adoptar en caso de accidente, ademais de catalogar os medios e recursos específicos á disposición das actuacións previstas e garantir a implantación e o mantemento do plan.