A Xunta dará 43 millóns en axudas a Atitlan e ás norueguesas Stolt Sea Farm e Seafood Legacy.

As subvencións pretenden impulsar tres proxectos de acuicultura para criar salmón en Burela, que leva a axuda máis voluminosa con 25 millóns, e linguado en Cervo e Cambados.

Imagen del proyecto de Seafood Legacy en Burela / Impulso

Imagen del proyecto de Seafood Legacy en Burela / Impulso

A Xunta aprobou tres axudas por valor de 43,2 millóns para impulsar proxectos empresariais no campo da acuicultura, un sector que factura na comunidade arredor de 200 millóns anuais. Tres empresas foráneas, aínda que con importantes iniciativas na comunidade, levan os fondos: Seafood Legacy, Stolt Sea Farm e Aquacria Arousa, propiedade do fondo Atitlan.

A axuda máis voluminosa irá parar á norueguesa Seafood Legacy para instalar en Burela, na Mariña unha planta de salmón que o Goberno galego considera clave no proceso de diversificación do sector acuícola galego. As instalacións empregarán a tecnoloxía RAS (sistema de recirculación da auga) e contarán con dous edificios principais: unha nave de acondicionamento da auga e outra de produción. O complexo ocupará 25.000 metros cadrados e ten o obxectivo de producir 3.000 toneladas de salmón ao ano.

O Consello da Xunta, do que volveu ausentarse Alfonso Rueda por estar de vacacións, deu luz verde a unha subvención de 25 millóns para o proxecto, que xerará uns 100 postos de traballo entre directos e indirectos, segundo manifesta o Goberno galego.

Plantas de linguado

Stolt Sea Farm recibirá outra axuda importante, por valor de 13,3 millóns. Neste caso, a Xunta trata de apoiar o novo edificio de Cervo para a cría de linguado que a compañía norueguesa está construíndo na Mariña. A ampliación implicará un aumento da superficie produtiva de 7.156 metros cadrados e a produción de unhas 400 toneladas anuais. A previsión é xerar 20 novos empregos co aumento de tamaño.

A terceira axuda ascende a 4,96 millóns e impulsará a nova planta de circuíto pechado de linguado de Aquacria Arousa en Cambados. Esta empresa é propiedade do fondo Atitlan, o grupo inversor que xestiona Roberto Centeno, xenro do presidente de Mercadona. A iniciativa pretende duplicar a capacidade de produción, pasando das 450 toneladas anuais coas que opera actualmente a 900, unha vez que a nova planta estea a pleno rendemento, o que sucederá en 2028. A intervención engadirá 7.000 metros cadrados edificados aos 5.000 que xa están operativos na parroquia de Castrelo. O proxecto xerará 25 postos de traballo.

En conxunto, a Xunta destina 43 millóns a tres iniciativas que prevén xerar 145 empregos e que, segundo defende, fortalecerán o sector acuícola e farano máis competitivo, ademais de favorecer o “subministro alimentario” e “preservar os ecosistemas mariños”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta