Abanca e a patronal impulsan unha liña de 725 millóns para a transformación enerxética e dixital das empresas
A inxección de crédito busca, entre outros aspectos, que as empresas poidan adoptar fontes máis respectuosas co medio ambiente e dotarse de sistemas de almacenamento de enerxía ante emerxencias.
O director xeral comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, e o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e Abanca asinaron un novo acordo para dar resposta aos principais retos de empresas, pemes e autónomos da comunidade en materia enerxética e tecnolóxica, a través dunha liña especial de financiamento de ata 725 millóns de euros.
A nova alianza foi asinada este mércores polo director xeral comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, e o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites.
Segundo informan ambas entidades nun comunicado, os dous representantes conversaron sobre as perspectivas das empresas, “fortemente condicionadas pola situación xeopolítica”.
Solucións directas para as empresas
O novo acordo subscrito polas dúas entidades, segundo destaca a nota, “avanza en ofrecer solucións directas a situacións compartidas de xeito transversal polo tecido produtivo autonómico”.
“O foco recae en apoiar a través dun financiamento flexible e especializado procesos como a modernización, a transformación e a mellora competitiva das corporacións nacidas en Galicia”, resalta.
O primeiro dos puntos que contempla esta inxección de crédito busca impulsar a transición enerxética, que permita ás empresas adoptar fontes de enerxías máis respectuosas co medio ambiente, máis accesibles en termos de custos e menos dependentes das fluctuacións do mercado de materias primas.
Ademais, busca tamén que as empresas poidan dotarse de sistemas de almacenamento de enerxía ante emerxencias, que lles permitan operar con autonomía ante interrupcións do servizo ou cando a xeración solar ou eólica non sexa posible.
Outro dos grandes capítulos que pretende dinamizar este acordo é a adopción da intelixencia artificial e o desenvolvemento da automatización de procesos no entorno empresarial, como ferramentas para lograr unha mellora da produtividade.
Con este acordo, as empresas poderán facer fronte ás inversións necesarias para avanzar neste campo. Grazas ao novo convenio, as empresas, pemes e autónomos galegos poderán adaptarse a normativas relevantes cuxa entrada en vigor “está xa en marcha ou é inminente”, advirten Abanca e CEG.
Transformación das empresas
“Dende Abanca queremos liderar a transformación real das nosas empresas. E facémolo co total coñecemento do noso territorio e do seu tecido produtivo, xa que máis de 100.000 empresas en Galicia confían na nosa entidade”, destaca González Eiroa.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, resalta o “paso adiante na xa sólida relación entre Abanca e a Confederación de Empresarios de Galicia, consolidando unha alianza estratéxica clave para o desenvolvemento do tecido empresarial galego”.
A ampliación do volume de financiamento ata os 725 millóns de euros, subliña, “reflicte non só a confianza mutua, senón tamén a firme aposta por acompañar ás empresas nun momento de transformación profunda”.