Alcampo culpa ás tendas de DIA da súa perda de cota e prevé volver a medrar en 2026
O director xeral do grupo de supermercados, o galego Carlos Pedreira, avanza a apertura dun novo hipermercado en réxime de franquía na Coruña.
Carlos Pedreira, director xeral de Alcampo / Alcampo
O galego Carlos Pedreira, ex de Inditex e Kiabi, chegou á dirección xeral de Alcampo en outubro do ano pasado, en substitución de Américo Ribeiro e en medio dunha “transformación radical”, para pasar de ser un grupo tradicional de hipermercados a un operador “multiformato e omnicanal” grazas ao comercio electrónico e ao desenvolvemento dunha rede de tendas de proximidade. Con esas palabras explícao o directivo nunha entrevista para a revista InfoRetail, na que recoñece que a compañía está a perder cota en España, como avanzaban os medidores de Algori ou WorldPanel. Ao seu xuízo, o elemento clave deste retroceso foron os problemas derivados da compra de 224 tendas a DIA, que provocaron o peche de parte dos establecementos por non adecuarse ao modelo de negocio e por falta de rendibilidade.
“A perda que estamos a padecer é unha suma de factores, pero quizais o máis determinante vén dado polo peche dalgunhas tendas compradas a DIA que non eran rendibles. É unha decisión que adoptamos conscientemente tendo claro cal é o camiño que debemos percorrer para obter un crecemento rendible e sostible no tempo. E ese camiño pasa por medrar no canal físico con franquías e novas tendas, por desenvolver o ecommerce e por fomentar unha cultura de confianza e responsabilidade na que os nosos colaboradores sexan felices e transmitan ese sentimento aos clientes”, di Pedreira.
O executivo galego non descarta que se produzan novos peches de establecementos. Dependerá da rendibilidade de cada un. Con todo, asegura que a folla de ruta non é esa, senón desenvolver un plan de crecemento nos próximos anos. “Non podo concretar a cifra, pero si podo asegurar que este 2026 medraremos. Imos medrar en cifra de vendas, en número de tendas, en clientes e en franquías. 2026 será un ano de crecemento para Alcampo, e para conseguilo imos realizar importantes investimentos”, asevera. Concretamente, o grupo español da multinacional francesa Auchan prevé destinar 140 millóns para a renovación de tendas e para a apertura de novos establecementos.
Alcampo e a saúde do hipermercado
Ao final do ano pasado, o novo director xeral de Alcampo avanzou que pretendían abrir entre 80 e un cento de tendas ao ano dentro do seu plan de crecemento, pero esta aposta de alto calibre require dun proceso de preparación e de culminar a dixestión das unidades adquiridas a DIA, unha operación de 267 millóns. “Este 2026 significará o reinicio da expansión de Alcampo, unha vez integradas completamente as tendas adquiridas a DIA“, manifesta Carlos Pedreira.
En contra da opinión máis estendida, o ex de Inditex cre que “o hipermercado está máis vivo que nunca”. Polo menos os seus, pois di que “están a incrementar vendas e rendibilidade”. “Son o espazo perfecto para despregar a nosa oferta comercial e, sobre todo, son un lugar de vida que fai que os nosos clientes se sintan cómodos”, expón. Neste sentido, sinala que, por exemplo, o bistró da tenda de La Vaguada (Madrid) chega a servir 375 comidas ao día.
De A Coruña a Marbella
Esta confianza no hipermercado lévase ao modelo de franquía. A cadea abriu en Illescas o seu primeiro hipermercado franquiciado en España e agora prevé estender esta fórmula a Galicia, onde terá un establecemento deste tipo en A Coruña, segundo os cálculos de Pedreira, en 2027. Ao ano seguinte contarán cun novo hipermercado en formato de franquía en Andorra.
Ademais, o directivo avanza a apertura dun supermercado en Marbella este mesmo ano e sinala algúns focos prioritarios para a expansión, principalmente zonas nas que aínda non combinan a rede de proximidade e o gran formato. Pedreira indicou, por exemplo, que en Valladolid, Salamanca ou Santander carecen de hipermercado e, á inversa, en Granada, teñen hipermercado pero non rede de proximidade.