Alcoa atopa en Noruega o que busca para San Cibrao: asina dous PPA con Statkraft para a súa fábrica de Lista
A planta de Lista sufrira un recorte durante a crise enerxética, pero acaba de reiniciar a súa segunda liña de produción para operar a plena capacidade.
Factoría de Alcoa en Noruega / Alcoa
Alcoa alcanzou un acordo co grupo noruegués Statkraft para o subministro de enerxía a longo prazo á súa fábrica de Lista. O produtor de aluminio garante 4,8 TWh de electricidade durante o período 2028-2031 a prezos estables, paliando así un dos principais riscos da súa actividade, os custos enerxéticos. A compañía quixo aplicar esta mesma fórmula na factoría de San Cibrao, chegando a asinar preacordos con Endesa, Greenalia ou Capital Energy, pero os proxectos non se materializaron.
A fábrica de Lista sufriu unha redución de capacidade en 2022, durante o ciclo inflacionista e cos custos enerxéticos disparados. Alcoa decidiu reactivar as liñas de produción paradas a partir de 2025 coa idea de chegar a plena capacidade no actual exercicio. “Reiniciar as operacións en Lista foi un fito importante para nós e o acceso a un subministro eléctrico estable é absolutamente esencial para dar o seguinte paso”, afirmou Tor Arne Berg, director de operacións de Alcoa Lista, con motivo da sinatura dos PPA con Statkraft.
A compañía destacou a importancia de contar con marcos regulatorios predecibles e acceso a longo prazo á enerxía para a industria, en particular para sectores con alto consumo enerxético como a produción de aluminio. A liña de produción 2 suma unha capacidade de 31.000 toneladas métricas anuais e eleva a capacidade nominal do complexo ata as 95.000 toneladas métricas.
A viabilidade do aluminio
O grupo enerxético noruegués, pola súa banda, puxo en valor a colaboración entre ambas compañías para garantir a actividade da planta. “Para Statkraft, é importante apoiar a actividade continua e a creación de valor na rexión, tanto a través deste acordo como mediante outros contratos de subministro e plans de desenvolvemento no suroeste de Noruega (NO2)”, afirmou Hallvard Granheim, vicepresidente executivo de Mercados de Statkraft.
“Alcoa é a última de varias grandes empresas industriais que asinaron novos acordos de subministro eléctrico a longo prazo con Statkraft este ano. A demanda confirma que o mercado eléctrico funciona correctamente e que ofrecemos condicións competitivas e un subministro de enerxía acorde coas necesidades da industria”, engadiu.