Alianza entre empresarios galegos e cataláns polo sector agrícola, o téxtil e a defensa
O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, participou na Cimeira Empresarial Catalunya-Galicia e reivindicou o "ecosistema profundamente emprendedor" que caracteriza a ambas comunidades.
O presidente de Foment del Treball, Josep Sánchez Llibre; xunto co presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa; o conselleiro de Empresa e Traballo, Miquel Sàmper; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites / CEG
Os empresarios de Galicia e Cataluña estreitan os seus lazos. O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, participou este mércores na Cimeira Empresarial Catalunya-Galicia organizada por Foment del Treball, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Empresa e Traballo, Miquel Sàmper; o presidente de Foment del Treball, Josep Sánchez Llibre; e o presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa.
O mandatario autonómico defendeu recoñecer a diversidade e pluralidade como “unha riqueza no conxunto de España” e destacou que non rompe España falar en catalán e en galego e tampouco rompe España que haxa grandes empresas concebidas en Galicia e en Catalunya: “Non rompe España que as comunidades autónomas teñamos unha boa financiación. Ao contrario, fortalécea e faina mellor”, engadiu.
“Pido que nisto axudedes, porque tedes influencia e chegades a foros que son relevantes. E se o compartides, non vos caledes. Que nos irá ben a todos, aos empresarios galegos e aos empresarios cataláns”, asegurou. Por outra banda, dixo que se viven momentos de ruído “ensordecedor” que, cre, non se corresponden coa realidade económica e social de España, e sostivo que a economía está a ir ben.
Tras a intervención de Illa, Josep Sánchez Llibre destacou que Catalunya e Galicia representan entre o 25 e o 26% do PIB español e un 35% das exportacións, polo que considera moi importante o “apadriñamento” entre empresarios cataláns e galegos. Segundo defendeu, este é un primeiro paso deste apadriñamento entre empresas de ambos territorios e explicou que nesta cimeira se traballará en catro mesas dedicadas á agroalimentación, á innovación, á seguridade e defensa e ao sector téxtil.
Vieites reivindica o “ecosistema profundamente emprendedor”
Por outra banda, Vieites puxo en valor que Galicia e Cataluña contan cun “ecosistema profundamente emprendedor” con longa tradición e afirmou que durante esta cimeira buscarán pechar alianzas para afrontar retos de futuro como a transformación tecnolóxica.
“Necesitamos estreita colaboración. Necesitamos que Galicia e Cataluña colaboren. Porque eu creo que, desde ese punto de vista, gaña a empresa, gaña a industria, gaña a cidadanía, gañamos todos”, reivindicou o presidente da patronal galega.