Alianza rota: marcha atrás de Terras Gauda na compra do 25% de Bodegas Gargalo, de Roberto Verino
A entrada de Terras Gauda no capital de Gagalo, anunciada en abril de 2024 e que incluía tamén que directivos da compañía do Rosal asumirían a xestión do día a día da adega do deseñador ourensán, non chegou a materializarse por diferenzas no tramo final da negociación.
O presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca, e o presidente de Bodegas Gargalo, Roberto Verino. – TERRAS GAUDA
Unha ambiciosa alianza anunciada e ratificada por ambas partes en público que finalmente non chegou a consumarse nos despachos. Así se podería resumir a aventura conxunta de dúas adegas que, sen dúbida, son referentes nas súas respectivas denominacións de orixe e especialidades por uva, como son Monterrei e o Godello e Rías Baixas e O Rosal. E é que a compra do 25% do capital de Gargalo, a adega do deseñador Roberto Verino, por parte de Terras Gauda, pactada e anunciada en abril de 2024, nunca chegou á notaría.
Para explicar a marcha atrás de Terras Gauda, fontes do sector apuntan a diferenzas xurdidas polos últimos flecos das negociacións que alteraban os plantexamentos inicialmente pactados por ambas partes, aínda que o certo é que a operación foi anunciada oficialmente polos respectivos primeiras espadas de ambas compañías, José María Fonseca, por Terras Gauda, e Roberto Verino, por Gargalo, acordo que ambos bautizaron como “un pacto de cabaleiros”.
Diferenzas e visión de negocio
Consultados ao respecto por Economía Digital Galicia, fontes oficiais de Terras Gauda sinalan que “diferenzas” no tramo final das negociacións explicarían a ruptura, e aluden a que incidían sobre todo naqueles aspectos que tiñan que ver coa “visión do negocio a longo prazo”, asunto que afastou ambas partes. Por parte de Gargalo, desde o grupo de Roberto Verino explican que ambos “tiñamos unhas expectativas que finalmente non se cumpriron; levamos moito tempo no mercado, e respectámonos e valorámonos”. “As intencións eran boas por ambas partes”, detallan, “pero houbo discrepancias”, admiten.
En abril de 2024, a alianza recibiu todas as bendicións e ía máis aló dun acordo accionarial ao uso polo cal Terras Gauda tomaba o 25% do capital da adega do deseñador ourensán. A firma de O Rosal tamén asumía a xestión de Gargalo. De feito, sinalaban na presentación da operación que o equipo humano de Terras Gauda, “en estreita colaboración” co de Gargalo, asumirá a xestión “de todas as áreas de actividade, principalmente a dirección enolóxica, empresarial e comercial, loxística, internacionalización, e enoturismo, entre outras”. Ademais, explicaban que a alianza permite impulsar o potencial do godello e da D.O. Monterrei.
O inicial “win win”
O compromiso entre ambas compañías, segundo explicaron en abril de 2024 ambos empresarios, é “a medio e longo prazo”, sobre a base dos valores que compartían Terras Gauda e Gargalo.
En síntese, o acordo, sinalaban, permitía reforzar o posicionamento de Bodegas Gargalo no mercado nacional e internacional, diversificar os seus canais de venda e potenciar a diferenciación dos seus viños. Mentres, Terras Gauda podería incorporar á súa oferta “o excelente e prestixioso Godello Gargalo, moi demandado polos diferentes mercados, tanto na hostalería como nos canais de distribución, e tintos doutra denominación de orixe galega de referencia”.
Empresa asociada e números
Porén, a ruptura xa quedaba plasmada, de forma indirecta e por omisión, na memoria de xestión e contas de resultados correspondentes a 2024 de ambas compañías. Nin rastro da operación no informe anual de Terras Gauda e tampouco de Gargalo, cando unha operación destas características, por un paquete do 25% do capital, debe ser anotada como o que se entende por unha “empresa asociada”, ao ter capacidade de influencia o investidor, sempre e cando a participación outorgue dereitos de voto por un mínimo do 20% e un máximo do 49% do capital, como é o caso.
Bodegas Gargalo, cun activo de 3,1 millóns de euros (uns 2,2 millóns corresponden a inmobilizado material) pechou o 2024 con 664.000 euros de ingresos, cun avance substancial sobre os 446.000 euros de 2023. Aínda que limitados, a compañía de Roberto Verino asinou un resultado de explotación de 42.000 euros en 2024, multiplicando por case cinco veces o obtido un ano antes. O seu resultado neto foi de 37.000 euros. A compañía ourensá estaba saneada, sen case débeda financeira.
A distancia de Terras Gauda
Noutro planeta en canto a números, Terras Gauda presenta uns activos de 36,5 millóns de euros no seu balance, e uns ingresos de 14,4 millóns na súa conta de resultados. O beneficio de explotación da compañía de O Rosal situouse ao peche de 2024 en 644.000 euros, lixeiramente por debaixo dos asinados un ano antes. O beneficio neto foi de 264.000 euros. Nin rastro de Gargalo na súa memoria de xestión, e iso que a compañía de Fonseca detalla ao milímetro as súas participadas e asociadas. Tampouco no portfolio dos viños que comercializa Terras Gauda figuran os caldos de Roberto Verino.