Altri, a piques de dicir adeus: a Xunta lembra que pronto esgotará o prazo para buscar conexión eléctrica
A directora xeral de Calidade Ambiental cre que ao non atopar unha solución, o expediente será arquivado e decaerá tanto a Autorización Ambiental Integrada como o permiso de captación de augas.
José Soares de Pina, CEO de Altri, co proxecto para a fábrica de fibras téxtiles de Palas de Rei de fondo.
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, ve “moi probable” que o prazo de tres meses dado a Altri o pasado 19 de febreiro conclúa sen que a promotora da planta proxectada para Palas de Rei (Lugo) achegue “unha solución” á falta de conexión eléctrica, de modo que o expediente será arquivado de forma definitiva e “decairá” tanto a autorización ambiental integrada (AAI) como o permiso de captación de augas.
O BNG teme unha “indemnización millonaria”
Por estes dous procedementos preguntou en comisión parlamentaria o deputado do BNG Luís Bará, quen viu unha “trampa” no anuncio de arquivo por parte da conselleira –o pasado 20 de febreiro–. En concreto, o nacionalista sospeitou que este movemento está “pensado para crear un litixio”, que a empresa alegue e reclame “unha indemnización millonaria“, por unha banda, ademais de permitir “unha saída” e “unha pista de aterraxe” para que a compañía siga coa tramitación.
“Carece de sentido apurar procedementos administrativos que posiblemente quedarán nunha vía morta“, afirmou a directora xeral, en relación coa AAI e co permiso solicitado a Augas, unha petición –esta última– sobre a que Bará lembrou que “pasaron tres anos e medio, dous máis do prazo legalmente establecido”.
“É moi probable que non presenten solución”
Echevarría, quen, xunto ao subdirector xeral de Avaliación Ambiental, asinou na súa día a declaración de impacto ambiental que deu o ‘ok’ neste ámbito ao proxecto de Altri para Palas de Rei –fortemente contestado socialmente e criticado pola oposición–, afirmou este venres que na súa consellería non viven “de costas á realidade”.
“Sabemos que estando a piques de rematar o prazo dado ao promotor para a declaración de caducidade, é moi probable que non se presente unha solución“, aseverou.
Neste sentido, engadiu que “se finalmente se determina que o PIE –proxecto industrial estratéxico– non cumpre os requisitos de viabilidade establecidos –en relación coa conexión eléctrica–, archívase”.
“Agardar á empresa”
Bará situou o fin do prazo de tres meses “para a semana” e insistiu en que o anuncio do inicio de arquivo parécelle “unha trampa”, polo que preguntou reiteradamente pola AAI e o permiso de Augas. Ante isto, a responsable autonómica respondeu que “resulta máis razoable agardar algún movemento da empresa” e “despois procédese a declarar a caducidade dos expedientes abertos”.
Neste sentido, aludiu á “alta carga de traballo” no seu departamento e sinalou que “non son poucas as ocasións nas que se pide que se boten atrás iniciativas empresariais simplemente por criterios subxectivos”.
Ao xuízo da responsable da Xunta en materia de calidade ambiental, “o debate público é saudable, pero isto non pode, en ningún caso, contaminar os procedementos administrativos, como está a acontecer nos últimos tempos”.
Con anterioridade, na súa primeira intervención, a directora xeral concretou que a notificación ao promotor deuse o 19 de febreiro, cando a consellería lle advertiu que “dispoñía de tres meses” para realizar “as actividades necesarias para renovar o procedemento garantindo a viabilidade e a posibilidade de execución da solución de conexión eléctrica tida en conta ao longo do procedemento de aprobación do proxecto industrial estratéxico”.
Ao respecto, retrotraeu á documentación achegada desde o inicio pola empresa, na que contaba con dita subestación que “non se incluía” na planificación da rede publicada en outubro de 2025.
“Nas circunstancias actuais, pode considerarse efectivamente que existe unha paralización do procedemento imputable ao promotor por falta de interconexión eléctrica”, destacou, antes de precisar que, “a piques de rematar” o prazo de tres meses notificado, ve “moi probable” que non haxa unha “solución” e polo tanto se materialice de maneira definitiva o expediente, de modo que o resto de trámites pendentes decairán.