Amancio Ortega, preto de volver a ser o europeo máis rico polo sufrimento en bolsa de LVMH
O fundador de Inditex rematou a semana cun patrimonio estimado por Forbes en 125.400 millóns, a 9.000 millóns de Bernard Arnault, tras a caída do 20% en bolsa de LVMH nun mes.
Amancio Ortega e Bernard Arnault, donos de Inditex e LVMH, son os únicos grandes millonarios do planeta no sector da moda fronte ao poderío dos empresarios tecnolóxicos. Fotos de arquivo: EFE
Amancio Ortega, fundador e primeiro accionista de Inditex, rematou a semana no décimo posto da lista Forbes dos máis ricos, cun patrimonio estimado en 148.900 millóns de dólares, algo máis de 125.430 millóns de euros. O que foi hai máis dunha década o maior millonario do mundo está preto de converterse, de novo, no europeo máis acaudalado. Por diante ten a Bernard Arnault, o presidente de LVMH, pero o crecemento de Inditex en bolsa e o declive do imperio do luxo estreitaron as distancias entre ambos a menos de 9.000 millóns. Non é calderilla a cifra, pero non asusta tanto se se ten en conta que en 2024 a fortuna do francés estivo 130.000 millóns de dólares por encima da de Amancio Ortega, segundo os cálculos de Forbes.
A carreira por ser o europeo máis rico está máis apretada pola crise do luxo que o dono de Louis Vuitton, Sephora ou Tiffany pareceu superar na segunda metade do 2025, pero que volveu a reabrirse coa presentación dos resultados anuais. Ao contrario do sucedido con Kering, o grupo de Gucci e Balenciaga, que foi capaz de conter a caída esperada polos analistas e rebotar no parqué, LVMH rexistrou un descenso do 13,3% nos beneficios e do 5% na facturación, o que disgustou aos investidores. Na primeira sesión, os títulos chegaron a depreciarse máis dun 8%, mentres que no último mes acumulan unha caída do 19,4%.
Inditex, en cambio, segue coqueteando cos seus máximos. Alcanzou a semana pasada os 58 euros por título, o rexistro máis alto da súa historia, cunha capitalización de 177.800 millóns ao peche da semana. As estimacións da fortuna de Amancio Ortega, que controla case o 60% da multinacional galega, están tamén en máximos. Esta traxectoria divergente no parqué fai que aquela distancia de 130.000 millóns de dólares quede agora en menos de 9.000 millóns de euros: dos 125.430 millóns do creador de Zara aos 134.110 millóns do xefe de LVMH.
Do español máis rico á francesa máis rica
A terceira gran fortuna de Europa é Françoise Bettencourt, neta do fundador de L’Oréal e propietaria, xunto coa súa familia, dun terzo do grupo. Forbes estima a súa fortuna en 91.800 millóns de dólares, algo máis de 77.332 millóns de euros ao cambio. Non lle foi especialmente ben nos últimos anos, pois en 2024 contaba cun patrimonio de máis de 100.000 millóns, en base aos cálculos da revista. En todo caso, é a muller máis acaudalada de Europa, a moita distancia de Rafaela Aponte-Diamant, dona do 50% de MSC. O patrimonio da suíza alcanza os 44.500 millóns de dólares, menos da metade que o de Bettencourt.
O pasado xoves, L’Oréal anunciou que someterá á súa xunta xeral de accionistas, o próximo 24 de abril, o nomeamento de Pablo Isla como vicepresidente. Faino a proposta de Nestlé, que retén unha participación de máis do 20% na multinacional de produtos de beleza. Isla trazarase así un curioso camiño que o levará de convivir co home máis rico de España como presidente de Inditex, a facelo coa muller máis acaudalada de Europa no xigante francés.
O ‘top 5’ dos europeos máis ricos
Ao marxe da herdeira de L’Oréal, os cinco europeos máis ricos da revista Forbes son homes e operan en sectores diversos. Só Francia repite con dous nomes, mentres que o resto de millonarios repártense entre Austria, Alemaña e España.
- Bernard Arnault (LVMH): 159.200 millóns de dólares (Francia)
- Amancio Ortega (Inditex): 148.900 millóns de dólares (España)
- Françoise Bettencourt (L’Oréal): 91.800 millóns de dólares (Francia)
- Mark Mateschitz (Red Bull): 45.900 millóns de dólares (Austria)
- Reinhold Wuerth (Grupo Wuerth): 45.900 millóns de dólares (Alemaña)