Amancio Ortega revoluciona o mercado inmobiliario europeo ao negociar a compra dun edificio por 850 millóns
Imaxe de Amancio Ortega ao lado dunha das compras que realizou Pontegadea este 2025, o Hotel Banke, en París. Imaxes: EFE
Pontegadea, a family office de Amancio Ortega, está a negociar a compra dun edificio de oficinas no centro de París por uns 850 millóns de euros. Sería unha das súas compras máis grandes no terreo inmobiliario e, ademais, un movemento que serviría para inxectar osíxeno ao mercado europeo das oficinas, afectado polos tipos de interese
Así polo menos así o asegura Bloomberg, que cita fontes próximas ás negociacións e asegura que esta sería, de materializarse, a maior operación inmobiliaria no segmento de oficinas en Europa desde 2022.
A publicación asegura que o grupo pilotado por Roberto Cibeira conseguiu un período de exclusividade na negociación para completar a compra do complexo Capital 8. O propietario do inmoble é Invesco, que o adquiriu en 2018 a URW nunha operación que se valorou en arredor de 790 millóns de euros.
A clave de non ter débeda bancaria
Edificio histórico en París foi sede da eléctrica EDF, pero na actualidade conta con 45.000 metros cadrados de oficinas, alugadas principalmente a grandes financeiras como son Standard Chartered ou Natwest. Tratándose dun proceso marcado pola confidencialidade, nin Pontegadea nin Invesco fixeron manifestacións ao respecto.
Con máis dificultades para acceder a financiamento, os grandes fondos deixaron en stand by as grandes compras inmobiliarias. Con todo, Pontegadea non recorre a financiamento xa que as súas compras realízaas cos dividendos que percibe cada ano pola participación de Amancio Ortega en Inditex. O veterano empresario recibirá este ano un total de 3.234 millóns de euros.