Arrinca a folga en Ence contra as 39 saídas en Pontevedra
Un grupo de traballadores secundou a primeira das 12 xornadas de folga convocadas polo comité de empresa contra o procedemento de despedimento colectivo iniciado pola compañía en Pontevedra e Navia.
El personal de Ence en Pontevedra inicia la huelga contra los despidos / CIG
Comeza a primeira das 12 xornadas de folga en Ence. O persoal da cotizada española secunda estes paros que foron convocados polo comité de empresa ante a intención da compañía de iniciar un procedemento de despedimento colectivo no centro de traballo de Lourizán.
En declaracións á axencia Europa Press, o presidente do comité de empresa, Santiago Cerqueiro, sostivo que “a plantilla ao completo” secundou este sábado o paro, nunha xornada que transcorreu “de forma tranquila”. Segundo explicou, nestes momentos atópanse á espera de que os convoque a empresa para sentarse a negociar para que “saquen o ERE de enriba da mesa”.
Pola súa banda, nun comunicado remitido aos medios, a federación de Industria da CIG, que tamén sinalou que “a plantilla ao completo” secundou o paro, esixiu a intervención da Xunta na busca de alternativas que garantan a mantenza de todos os empregos. Ademais, reiterou a necesidade de “pechar o ciclo produtivo para acabar co carácter especulativo da actividade pastera”.
O sindicato nacionalista demandou a participación da Consellería de Industria e da propia Presidencia da Xunta na toma de decisións –xunto á empresa e á representación do persoal– orientadas a preservar os postos de traballo. “O que está ocorrendo demostra que Ence non conta con plans industriais de futuro e que o seu interese baséase unicamente no expolio de recursos”, sinalou o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde.
A empresa aposta polo diálogo e a voluntariedade
Pola súa banda, fontes da empresa incidiron en que a dirección mantivo distintas reunións co comité de empresa da biofábrica de Pontevedra co obxectivo de evitar a folga e abrir un espazo de diálogo que permitise buscar solucións consensuadas.
Sobre este punto, a firma que preside Ignacio de Colmenares subliña que a situación se plantexa tras sumar catro trimestres consecutivos de perdas e indica que se propuxo pospoñer o inicio do procedemento de despedimento colectivo e abrir un período de diálogo de 30 días, do 20 de novembro ao 19 de decembro de 2025, ampliable de mutuo acordo, para analizar conxuntamente medidas voluntarias.
Entre elas, as prexubilacións, baixas incentivadas ou recolocacións internas, así como “calquera outra iniciativa que poida plantexar calquera das partes” e que “permitan adecuar” a dimensión da plantilla ás necesidades actuais e futuras da planta. A compañía asegura que este mesmo planteamento de diálogo foi proposto e aceptado na fábrica de Navia, en Asturias.
Por último, indicou que o Plan de Competitividade non supón recortes arbitrarios, senón melloras dos procesos para gañar eficiencia e competitividade en liña co que está facendo o sector industrial.