O capital risco pisa o freo en Galicia pero controla un negocio de case 1.400 millóns
A patronal do sector, SpainCap, cifra en 1.386 millóns de euros o investimento acumulado en Galicia tras un 2025 no que se canalizaron un total de 17 novas inversións.
Imaxe de arquivo de Enrique Tombas, presidente de SpainCap / SpainCap
SpainCap pon números á pegada do venture capital e o private equity en Galicia. A patronal que representa o sector revela no seu último informe de actividade que Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior investimento acumulado.
Este elévase ata os 1.386 millóns de euros, unha cifra só superada polos 2.018 millóns de Andalucía, os 2.961 millóns do País Vasco, os 4.688 millóns da Comunidade Valenciana, os 11.007 millóns de Cataluña e os 23.326 millóns da Comunidade de Madrid.
Galicia supón, deste xeito, un 2,7% do total nacional, que ascende a 51.004 millóns de euros. Segundo SpainCap, son 4.032 empresas as que están participadas polo venture capital e o private equity en España, das cales un total de 181 teñen a súa sede na comunidade galega.
Galicia mantense entre as comunidades con maior impacto por parte deste tipo de fondos que centran o seu portfolio de investimentos en empresas que aínda non cotizan en bolsa. O venture capital (capital risco) ten no seu radar principalmente a startups mentres que o private equity aposta polo desembarco no accionariado de empresas xa establecidas e consolidadas.
A ‘pegada’ en Galicia
Segundo o informe de actividade de SpainCap, foron un total de 17 empresas galegas as que rexistraron o desembarco deste tipo de firmas no seu capital. “Cataluña volveu ser a comunidade autónoma que atraeu un maior volume de investimento, con 810 millóns de euros (43% do total), seguida de Madrid con 481 millóns (25%). Entre ambas concentraron case as tres cuartas partes do investimento de Venture Capital en España, reafirmando o seu papel como principais pólos de innovación e emprendemento do país, cun elevado número de scale ups“, destaca a entidade.
“Aínda que a gran distancia, destacou o avance do País Vasco, que alcanzou os 250 millóns de euros investidos en startups locais. Tamén amosaron un notable dinamismo rexións como a Comunidade Valenciana (230 millóns de euros) e Andalucía (35 millóns de euros)”, apunta a firma, que cifra en 97,3 millóns de euros o investimento materializado en Galicia ao longo de 2025.
Isto tradúcese nunha media de 5,72 millóns de euros por operación, unha cifra que queda lonxe dos 14,61 millóns rexistrados nun conxunto de España no que tiveron lugar 480 movementos deste tipo por valor de 7.015 millóns.
Galicia pechou con estes números un 2025 que foi o seu segundo ano con menor actividade deste tipo desde o estoupido da crise do Covid-19. E é que os datos de SpainCap revelan que só en 2021 se canalizaron menos investimentos a través do private equity e o venture capital (48,5 millóns de euros). Estas cantidades ascenderon a 145,5 millóns en 2020; 138,9 millóns en 2022; 180,8 millóns en 2023; e 457,1 millóns nun 2024 de récord no que Galicia só foi separada pola Comunidade de Madrid (2.686,1 millóns) e Cataluña (1.799,3 millóns).
De Xesgalicia a Unirisco
A industria do private equity e o venture capital atopou en Galicia un mercado para medrar, pero tamén para botar raíces. Non en balde, a comunidade é a sede dun total de cinco xestoras. A maior de todas elas é Xesgalicia, brazo inversor da Xunta de Galicia, que está presente no accionariado dun total de 124 empresas. A súa pegada triplica á de Vigo Activo (impulsada pola Zona Franca de Vigo), que desprega os seus tentáculos en 41 compañías.
Por outra banda, Unirisco (que ten a Abanca, Constructora San José, Inditex, Hijos de Rivera, Gadisa ou Banco Santander como promotores) conta con 11 participadas mentres que Noso Capital contaba cun total de catro ao peche de 2025. A estas catro xestoras súmase The Food Tech Lab, xestora con sede en Mondariz e que foi impulsada polo exdirector xeral de Xesgalicia e Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes. Esta última acometeu un total de oito investimentos, co foco posto na industria agritech (tecnoloxía agrícola) israelí.