Corgos reivindica o potencial de Galicia en intelixencia artificial no foro tecnolóxico de R
As xornadas "Mentes dixitais: Innovación", celebradas no monte de San Pedro da Coruña, contaron coa participación do exministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón, que analizou a redefinición do equilibrio de poder entre países a través da innovación.
Foto de familia das xornadas tecnolóxicas “Mentes dixitais: Innovación” organizadas por R – Xunta
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reivindicou o avance de Galicia no desenvolvemento de novas tecnoloxías, especialmente en intelixencia artificial, que situou a cidade da Coruña como referente ao acoller a sede da Axencia Europea para a Supervisión da Intelixencia Artificial, algo que abre oportunidades “únicas para o talento local”.
Así o apuntou na inauguración este xoves das xornadas tecnolóxicas “Mentes dixitais: Innovación” organizadas pola operadora de telecomunicacións R, que se celebraron no monte de San Pedro da Coruña e nas que se desgranou o impacto da innovación e a tecnoloxía no escenario xeopolítico actual.
O acto contou coa participación do exministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón, quen analizou a redefinición do equilibrio de poder entre países a través da innovación.
O poder das Big Tech
Gallardón apuntou que na actualidade as Big Tech son “actores soberanos de facto” na medida en que controlan infraestruturas importantes como centros de datos, ciberseguridade, enerxía ou intelixencia artificial.
“A diplomacia tradicional foi entre estados que se relacionan entre si. Hoxe a orde internacional está reconfigurada, hoxe as grandes empresas tecnolóxicas controlan infraestruturas que son tan estratéxicas ou máis como un propio estado”.
O exministro alertou de que no panorama actual é necesario que se estableza “modelo de diplomacia trilateral”, no que estas compañías cobran “moita importancia”. “Quen teña infraestruturas, ten poder”.
Entrega III premio aleluIA
O acto contou tamén coa participación de Alfredo Ramos, director de R e territorial de Masorange en Galicia, e de Antonio Ortiz, experto en intelixencia artificial e tendencias en tecnoloxías dixitais, que ofreceu a súa visión, entre outros temas, sobre o porqué de que algúns proxectos fascinantes sobre o papel acaben fracasando ao aterrar na realidade da empresa.
O evento pechouse coa entrega do III premio aleluIA, certame inaugurado nas Xornadas Tecnolóxicas R de 2024, que distingue proxectos onde se achega un plus de creatividade e espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía.